Os nomes dos lugares

Sorprendeume de varias e diferentes maneiras unha nova aparecida no noso Diario a comezos da semana que se nos foi. Dicía a noticia que máis de douscentos laracheses participaran nunha votación para lle poñer nome a algunhas rúas ou para llo trocar a outras de diferentes entidades poboacionais do concello. A primeira e maior das sorpresas foi a de ver a placa da Calle/Rúa Almirante Carrero Blanco na foto ilustrativa do texto. En breve, pasará a denominarse rúa da Torre, nome, a todas luces, máis acorde coa personalidade de Caión, que é a localidade na que se atopa. Nesa liña de escollas que teñen que ver cos lugares que van denominar atopamos rúas, dos Percebeiros, das Baleas, Costa do Pichón, Muíño do Vento, Argazo, dos Mariñeiros, Ponte da Balsa... Gusto moito dese tipo de denominacións de espazos que nos remiten ao que foron os lugares que pisamos. Paréceme moito máis axeitado que lles poñer nomes de persoas por moi dignas e respetables que fosen ou sexan, que esa é outra. Quen nos garante que, no tempo que lles reste de vida, non van mudar de actitude? Se, con todo, á colectividade lle parecese oportuno recorrer a poñer nomes -se exceptuamos os de grande relevancia universal- entendo que deberían ser de xentes con algún tipo de vinculación co lugar. É por iso que me sorprendeu atopar entre os nomes elixidos para lles poñer a rúas do concello bergantiñán o de María Mariño. Entenderíao se fose de alí, se tivese cantado as excelencias do lugar ou mesmo pasado veráns á beira do seu batido mar. Mais, creo que nada diso hai. Como acontece, penso, con outras figuras da nosa cultura como Ramón Cabanillas, Xosé Neira Vilas, Valle-Inclán, Emilia Pardo Bazán ou Maruja Mallo, para os que, probablemente e no mellor dos casos, a Laracha, Caión ou Paiosaco, non foron máis que nomes de lugares da nosa terra. Por iso, e xa nesa coxuntura, foi tamén unha sorpresa saber que non foron elixidos nomes propostos como o de Carlos Casares ou o de Manuel María, que, estou convencido, souberon situar mellor no mapa esas terras de Bergantiños.
Carrero Blanco vai deixar de figurar no nomenclator do Concello da Laracha, gobernado polo PP. Non obstante, no do Concello de Madrid, gobernado por Podemos, non teño noticia de vaian deixar de estar os nomes de Avenida de la Victoria ou Padre Huidobro, asunto do que, con lóxica indignación, sempre me fala o amigo Vicente Araguas que ten que pasar por eles camiño da Universidade Complutense. Retomarei o tema. 
 

Os nomes dos lugares

Te puede interesar