En política nada é casual e a coincidencia no tempo da resolución do TXUE sobre a inmunidade de Junqueras, a do TSXC sobre Torra e a solución definitiva ao Brexit é probable que tampouco o sexa. A sincronía do ditame sobre Torra é tan burda que resulta obvia pero non tanto o contexto xurdido ao redor do Brexit.
A UE atópase nun momento crítico tanto polas implicacións de cohesión interna como polas de tipo económico que supón a saída do Reino Unido. E non tanto polo debilitamento do espazo económico da UE senón porque significa un reforzo do mapa creado ao redor das colonias británicas que dirixe EEUU, agora coa colaboración inglesa. Por iso é básico promover que Escocia e Irlanda non abandonen o niño materno da UE e para iso deben poder decidir independentemente do que Inglaterra faga.
A sentenza sobre Junqueras reforza esa opción e supón un cambio de táctica por parte dunha UE que sempre deu as costas aos cataláns como amosan os acordos do parlamento europeo. A sentenza vén dicirlle a España que o seu negacionismo non xera máis que problemas e ademais confirma que todo debe ir dirixido a consolidar o marco económico da UE, incluso avalar a independencia de Escocia e Irlanda se fose preciso.