Os pés quentes, a testa fría

non son unha persoa de estar nas cafetarías, aínda que de vez en cando tomar un café para ler a prensa o tomar unha caña cun petisco a poder ser de tortilla nunha terraza, recoñezo que é algo moi pracenteiro. Conto isto porque hai uns días nunha das mesas da terraza onde me atopaba, un grupo de persoas falaban, como non, do atentado tan cruel que sufriron en Catalunya. Xente maior que falaban do suceso, deixando que as emocións inundaran a súas testas e por desgraza non lles deixaban ver máis alá deste vil atentado. E non vou  ser eu quen diga que non hai que ser emocional. O contrario de non ser emocional non é ser racional. 
O contrario é a indiferenza, mais cando as emocións a unha lle obnubilan a mente, entón  atopámonos cun problema. Porque unha condena e énchese de rabia por este crime, o mesmo que me encho de rabia como moitas de nós, polos atentados de Kenia, Turquía, Francia,  Iraq, etc..., mais nestes casos é fundamental que a lectura que fagamos destes horríbeis crimes e as conclusións que saquemos, o fagamos analizando os porqués destes actos. Porque a unha o primeiro que se lle vén á mente é desde cando nos atopamos con este tipo de violencia, e a resposta que me sae  é desde que os americanos meteron a man en Afganistán e a inxusta guerra de Iraq. 
Lémbranse vostedes do señor do bigote e o sorriso de raposo, sentado nunha cadeira dirixíndose a todas nós por TV pensando que todas eramos, quer menores de Idade quer atrasadas mentais, dicindo aquilo de: “fáganme caso, teño probas, non podo falar” sobre as armas de destrución masiva que tiña Sadam Hussein. Un Iraq do que ninguén xa fala, o cal atópase nun caos total e o único que interesa aos que levaron a destrución e a dolor a ese povo, é que o petróleo iraquí  non pare de chegar aos mercados. Un Iraq que hoxe en día, cando xa vai mais de dúas décadas que foi invadido, centos de meniñas/os  morren todos os anos de enfermidades por culpa do armamento que usaron os americanos, nesta inxusta guerra. Un Iraq onde a violencia é constante, repleto de viúvas e orfos. Máis despois do caos que levamos a este país, berce da civilización do mundo e das consecuencias posteriores que trouxo consigo a guerra,os principais mandatarios do mundo decidiron facer o mesmo en Libia. 
Unha Libia que da noite a mañá os nosos dirixentes, parece que se decataron de que o ditador deste país era un perigo para o mundo. Porque efectivamente Gadafi era un ditador máis, o seu liderado era de tipo paternalista. É dicir, el vía  o seu povo como ao seu fillo. Cabe destacar que a Libia de Gadafi, era unha Libia próspera, onde desde hai décadas milleiros de subsaharianos e doutras partes do planeta tiñan postas as súas miras como país idóneo pra emigrar. Un país onde xa a mediados dos oitenta, Libia invertía parte dos beneficios do petróleo a gañar terreo ao deserto, para facer deste zonas produtoras de alimentos para súa poboación. 
Mais de novo  montamos unha guerra para eliminar ao ditador, sumindo a Libia no caos, onde na actualidade as faccións armadas campan ás súas anchas e os radicais islámicos, o mesmo que en Iraq, nútrense da dolor, da rabia e a indignación dunha parte das súas xentes. Porque o único que importa aos gobernos que montaron esta guerra é que o petróleo siga fluíndo cara ao occidente. 
Uns radicais relixiosos, os cales foron e son financiados con armamento e diñeiros por parte dos americanos, sauditas  e israelís.Uns radicais ao servizo de occidente, nun intento por parte dos nosos gobernos, sexa por activa ou por pasiva, para controlar Siria, o derradeiro conflito que montou occidente no mundo árabe. 
Máis volvendo ao terríbel suceso de Catalunya, o que é tamén indignante é ver a certos persoeiros refírome ao Borbón, Raxoi, etc., aproveitando a dor para facer política. 
E non vou entrar a valorar as palabras do Borbón se Barcelona é España ou se España é Barcelona nin tampouco quero xulgar o intento dos poderes do Estado por ensuciar a brillante xestión do atentado polas autoridades catalás, xestión recoñecida polos principais diarios norteamericanos e europeos. 
Porque o que tiña que facer o goberno de España, xa hai moito tempo, era romper as relacións e promover o illamento internacional de Arabia Saudita, país o cal é o principal promotor destas organizacións terroristas, quer cos petrodólares quer dotándoos de ideoloxía. 
O wahabismo corrente fundamentalista relixiosa  é de onde beben estes grupos armados, os seus líderes son a familia real saudita. 
Cabe sinalar que neste país as mulleres non teñen ningún dereito, non poden saír de casa sen a presenza dun home da familia, non poden ter unha conta nun banco nin tampouco poden conducir, ou por exemplo, tampouco poden ir ao medico se non está presente o marido etc. Un país onde no existe a oposición e se fas critica á familia real, ademais de meterte na cadea, poden condenarte a pena capital, a cal execútase mediante decapitación. Máis neste caso nin a UE nin moito menos os EUA condenan nada. Ao contrario, tanto uns como outros, amosan as súas simpatías por este país ancorado no medievo, debido a que a súa principal riqueza, o petróleo, está en mans fundamentalmente dos EUA e as divisas que xera van na súa maioría, para mercar as nosas débedas públicas e deste xeito seguir financiando as nosas economías.
 Porque para que o extremismo non teña fieis, do que se trata é de levar a vida con dignidade a todos os currunchos do planeta. 
Para elo é fundamental que as relacións entre os diferentes países sexan de igual a igual e non en base a relacións de dominio. 
Ademais cómpre que os povos nos auto organicemos para deste xeito esixir aos nosos representantes a distribución equitativa dos recursos. Mentres tanto, ante actos como o de Barcelona é fundamental que conservemos a testa fría e os pés quentes, para deste xeito, non deixarnos enganar polos que fomentan o odio sempre que ocorre un acto como o de Barcelona, porque como di o refrán” a río revolto ganancia de pescadores”

Os pés quentes, a testa fría

Te puede interesar