Retorno

|

Asomado ao balcón gozo do mencer . Síntome cómplice do sol que emerxe de entre as augas do Cantábrico. Aló... no horizonte. Brincando por riba dese  mar ovellado, agora  irisado. E non dou evitado deitar na rosa dos ventos esta confidencia.
Procuro perderme entre  a follaxe ocre das ramallas outonizas dos pexegueiros. Eis, fachendosos, a entregaren  os seus froitos. Sobre o souto e as nogueiras revolutea o grallar das pegas rebordás e dos corvos. E nas súas entrañas o nordés transfórmase en melodía, avelaíña, acompañada polo murmurio dos que nel habitan.
Retorno. Mañá procurarei nos rostros dos que se crucen comigo polas rúas da miña cidade un aquel de ilusión que me ( nos ) dea os folgos necesarios para superar tanta ruindade que nos abafa. E o meu país seguirá a se esperguizar na procura dun outro mañá. O paporroibo asoma no valado. Brinca entre as raiolas. E pousase na cancela.

 

Retorno