O Víctor Aneiros máis rockeiro e reivindicativo

Achegueime á música do Victor Aneiros co seu segundo traballo “Live en Montreux”. Sorprendeume –ademáis da súa música– o feito de que incluíse un tema en galego e a singularidade de que o traballo fose editado por unha discográfica de Euskadi. 
Tal foi así que nos traballos que viñeron despois, mantívose unha fidelidade ás letras en galego –ben propias ou de outras poetas– nunha liña que, lonxe de constituir un problema mesmo fora de Galiza, penso que foi un plus engadido; nun estilo musical dominado abafantemente polo inglés. E, nos tempos que corren, unha aposta destas características –do Victor e da discográfica– son ben dignos de mención.
Agora, após aquel traballo máis acústico de revisión de anteriores temas “A soidade pide copas nos bares”, chéganos un novo traballo baixo o título de “Un extraño entre la multitud”. Un traballo con textos exclusivamente en español (feito que agardo sexa so puntual) no que, ao meu ver, atopámonos co Victor Aneiros máis rockeiro e penso que tamén crítico/reivindicativo.
Supoño que un traballo discográfico –como calquera obra humana– é indicativo dun estado de ánimo ao respecto do entorno social, persoal… Creo que este traballo arrecende a un certo desacougo en relación con todo o que está a pasar en Ferrol e comarca desde hai anos. 
Crítica sen ambaxes desde o primeiro tema “Ciudad olvido”, no que reflicte os efectos da malchamada reconversión (“…cerraron el astillero y todo un sueño se esfumó…”) ou o máis acedo “Mucho postureo”, no que penso que retrata parte da nosa sociedade “No eres un loco ni un perturbado, eres un tipo sano en un sistema enfermo que te tiene acorralado”. Sen esquecer o drama das persoas refuxiadas no tema do mesmo título “Por la carretera caminan excluidas, mientras los segundos pasan sin destino y el miedo es el motivo que los empuja al olvido”.
A escolla dun estilo máis rockeiro para este traballo –en troques do que fora a liña de blues dos anteriores– seguro ten moito a ver coa filosofía do conxunto das letras (todas de autoría propia, agás unha dos irmáns Auserón) e a certa carraxe que se transmite nas mesmas. O que, ao meu ver, supón tamén unha certa frescura resolta mercede ao bó traballo que, xunto ao Víctor, argallaron o Fran Rey, Marcos Sánchez e Víctor Gacio.
En definitiva, un traballo para disfrutar; preferíbelmente en directo. Coma poderemos facelo –ao igual que naquel marabillso concerto do 2010– no Teatro Jofre o vindeiro venres dia 1. Unha ocasión para transformar –coa música de telón de fondo– o desacougo en esperanza; na procura de novos traballos que han chegar; facendo realidade o que o propio Víctor dí no tema que pecha o disco “Estoy Solo” cando afirma “…Desafío el frío de la tristeza…”. Aí estamos, pois…

O Víctor Aneiros máis rockeiro e reivindicativo

Te puede interesar