ENTRE MENTIRAS E CORRUPCIÓN

Mergullados na mentira e na mediática presenza da corrupción. Así espertamos todos os días. Un agarda abrir o xornal e ver por onde vai camiñar a xustiza de mañá. Día tras día, os escándalos sucédense.
Hoxe, por moito que queiran que desconectemos no verán da política –aínda temos na memoria   os pantallazos de mensaxes WatsApp– supostamente escritos polo Presidente Rajoy e o antigo tesoureiro do PP, Luis Bárcenas. Confidencias, dignas de telenovela, que deixou sen explicar o (suposto) presidente corrupto na súa comparecencia de inicios de agosto.
Detrás de todo o inexplicado hai toda unha (suposta) trama que permitiu ao PP financiar as súas campañas electorais e as súas políticas a cambio de certos favores (máis aló dos sobresoldos ilegais), alí, no estado –de aí a Querela Bárcenas– e aquí en Galicia, onde Feijóo cala, quen sabe se por outorgar.
A xente a pé de rúa está farta deste miserable esperpento. Os culpables, como se di, “a chirona”. Tal como manifestou o interventor Pardellas na súa comparecencia na Comisión de Estudo da Corrupción no Parlamento de Galicia vivimos nun sistema que posúe as condicións estruturais para favorecer a corrupción. Temos que impedir, polo tanto, a existencia desas condicións estruturais. Teñen que funcionar os controis e a prevención, deben ser efectivas as sancións, téñense que mellorar os recursos humanos e materiais, e impedir a existencia de certas prácticas no proceso de toma de decisións das administracións públicas (procesos de privatización de servizos; contratacións de empresas; selección de persoal, etc…).
Ao longo deste curso político preguntámoslle ao Presidente Feijóo, por activa e por pasiva, sobre as súas relacións co narcotraficante Marcial Dorado e as súas empresas. Escudouse na estratexia do ventilador, da mentira, e da ignorancia. Agora, un mes e medio despois de que El País (sábado 13 de xullo) amosase un informe de contabilidade interno do PP de Galicia, realizado por Modesto Fernández Rodríguez, antigo xerente do PP, no ano 2006, Feijóo e os seus, durante este mes optaron por calar…por outorgar?
O informe recolle que no ano 2006 o PP ingresou case 2.600.000 euros. Deles, case dous millóns non constan na contabilidade oficial do PP. Claro, eran doazóns de empresas e que se caracterizan por dúas circunstancias que converten estas (supostas) doazóns en ilegais: case todas eran contratistas públicas e superaban o límite dos 60.000 euros.
As empresas que se recollen no informe tiveron negocios proveitosos na construción do buraco negro do Gaiás, a Cidade da Cultura, ese devorador de orzamentos; que se forraron (979 millóns de euros) coa autovía de Berdoias e outras infraestruturas viarias; que monopolizan certos servizos como a ITV; que montaron unha planta de gas na ría de Ferrol que vulnera todas as normas de seguridade; e unha chea máis, moitas delas vencelladas a negocios da trama Gürtel. Ollando isto, quen manda realmente neste país?
Claro, as empresas consultadas negan os feitos: que outra cousa poden dicir se as doazóns son ilegais?
Se o que contén o informe é certo, falamos dun atentado ás normas da ética, da política e da democracia. Os seus perpetradores teñen que padecer as consecuencias de tal atentado. Nada nos impide pensar que esas prácticas se deron tamén con posterioridade ao 2006 e que os procesos electorais nos que se presentou Feijóo e as súas políticas están cheos do lixo que achega un diñeiro de procedencia ilegal.
A forma de financiarse é propia da mafia, cunha perfecta sintonía entre empresas privadas e os faciltadores públicos. Mentres nos abafan con recortes de todo tipo, Feijóo e os seus rouban, porque o diñeiro que non se fiscaliza é diñeiro roubado ao pobo. Feijóo non pode seguir sendo o Presidente dos galegos e galegas. Ten que dimitir.
Pero mentres non se dea ese exercicio de dignidade política, Feijóo debe comparecer no Parlamento de Galicia e explicarlle ao pobo galego que hai detrás da publicación do informe dado a coñecer por El País. Que nova mentira nos contará?  

 

ENTRE MENTIRAS E CORRUPCIÓN

Te puede interesar