PARABÉNS PARA X.L. REGUEIRA

Poucas veces se ten un que alegrar tanto polo recoñecemento dun amigo, dun colega e dun gran traballador. Recibín unha invitación da Real Academia galega para asistir ao acto de ingreso de Xosé Luis Regueira como membro de número da institución o próximo dous de xuño e non puiden máis que felicitalo ao minuto porque se recoñece a unha gran persoa, excelente amigo e gran traballador e investigador, a quen nunca souben como agradecerlle a confianza que depositou en min para colaborar con el. Síntome orgulloso de que o meu nome apareza xunto ao do doutor Regueira nunha obra súa, pero síntome máis feliz de contar coa súa amizade e confianza.

A maioría da sociedade galaica descoñece o seu traballo nun dos campos da Filoloxía menos agradecidos e máis anónimos como é a fonética e a fonoloxía do falar dos galegos

A maioría da sociedade galaica descoñece o seu traballo nun dos campos da Filoloxía menos agradecidos e máis anónimos como é a fonética e a fonoloxía do falar dos galegos. O seu dicionario de pronuncia é unha das grandes obras de referencia que debería estar ao lado dos vocabularios de consulta máis frecuente. Co tempo, servirá, senón é xa, de base para que os falantes miren nel como é que articulamos as palabras e como temos un sistema fonolóxico tan rico, amplo é variado que non debe quedar no esquecemento nin rexistrado só en papel.

Nestes tempos en que a Real Academia parece que vive un momento de actividade de referencia e que goza de gran presenza na sociedade, a inclusión de Xosé Luis Regueira contribuirá a que entre máis aire puro na antiga casa de Pardo Bazán. O seu discurso de ingreso promete ser instrutivo e interesante. A súa reflexión sobre a lingua falada no século XXI, título do seu relatorio, xa mostra a modernidade que caracteriza a Xosé Luis e será un pracer coñecer a súa visión de como estará o idioma nos próximos oitenta anos, algo que quedará escrito para os futuros falantes do galego.

A primeira conversa que tiven con Xosé Luis Regueira foi nun triste despacho da antiga facultade de Filoloxía de Santiago na praza de Mazarelos. Fun falar con el para expresar a miña queixa e reclamación por unha cualificación coa que non estaba de acordo. Ao final tiña razón el, pero saín moi satisfeito de dar cun profesor moderno para a época. Aí acabou o meu contacto con el até que anos despois, por circunstancias da vida, encontrámonos de novo e ofreceume un posto de confianza do cal, repito, nunca lle estarei o suficientemente agradecido, o mesmo que cando pensou en min para elaborar o seu dicionario.

Parabéns para a Real Academia Galega polo nomeamento do doutor Regueira que a partir de agora contará cun gran traballador e, aínda máis importante, terá entre os seus membros unha gran persoa e gran defensor da institución e de todos os que dunha forma ou outra senten o idioma.

PARABÉNS PARA X.L. REGUEIRA

Te puede interesar