Só diferentes colares

|

Non me colleu para nada de sorpresa a vitoria de Pablo Casado fronte a Soraya Sáenz de Santamaría para substituír Mariano Rajoy na presidencia do Partido Popular. Agardábaa, inclusive máis contundente. Tiven a certeza de que non me equivocaba desde o momento en que Núñez Feijoo se botou fóra da carreira pola presidencia. A retirada non foi por compromiso con Galicia ningún e si porque non ía gañar. Había que cambiar o look e o do noso mandatario autonómico non era o máis axeitado. O seu perfil non se afastaba suficientemente do de Mariano Rajoy, o presidente saínte. Como o das dúas mulleres derrotadas.
Vin imaxes no informativo do mediodía e logo lin na súa integridade o discurso que pronunciou xa como presidente electo do PP. E que queren que lles diga? Pois que, visto o visto e lido o lido, co meu voto que non conten. Non coincido absolutamente en nada do que puiden escoitar e ler. Xa o supuña, mais, se me vexo na obriga de falar de calquera cousa, gusto e procuro facelo con coñecemento de causa. E este tema do suposto novo rumbo que vai tomar o PP semella que vai ser tema de conversas durante un tempo. Xa que logo... había que procurar informarse de primeira man o mellor posible.
Hai non moitos anos, non máis aló de catorce ou quince, un bo amigo, hoxe catedrático da Universidade de Santiago, apareceu -nunha das ceas que un grupiño un tanto heteroxéneo, pero moi ben avindo, tiñamos con relativa frecuencia- portando un exemplar das Obras Completas de José Antonio Primo de Rivera. É obvio que cadaquén pode ler o que mellor lle pareza, mais perante a sorpresa que nos produciu velo co libro non quedou outra que lle preguntar polo motivo de levalo enriba. 
Na altura, andaba preparando un libro sobre o cine de Berlanga e tiña a sospeita -que máis adiante dixo que confirmara- de que algunhas películas había que interpretalas en clave falanxista e para iso nada mellor que empaparse de José Antonio. Como en encontros inmediatos o meu amigo comentaba que esa lectura lle estaba resultando frutífera, aínda que eu nese momento non traballaba sobre ningún escritor falanxista, decidín ler tamén o fundador da falanxe. E tamén me resultou proveitoso para entender mellor os pasos seguidos polos novos líderes da dereita española e, como non, das súas, novas ou vellas, formacións políticas. 
Convídoos a ler cousas desas e a ir atopando discursos idénticos ou moi semellantes aos dos que van de renovadores e/ou rexeneradores da política conservadora. Ata poderían ser acusados de plaxio. 
 

Só diferentes colares