Non serei eu, abofé, o que poña en cuestión as normas que rexen nos establecementos hospitalarios porque sei a ciencia certa que están aí para preservar a integridade dos doentes e da xente que pasa por alí, pero algunha, como a que establece o uso dunha bata de papel ás visitas cando entran nunha habitación onde reside un enfermo en réxime de illamento, chámame un pouco a atención. Porque , imos ver: se alguén está illado suponse que a aproximación a este doente está reducida ó persoal sanitario e a familia máis próxima e que ambas partes teñen que cumprir as normas que o illamento require, pero de verdade, con efectividade. Esas mandiletas verdes que se amontoan diante da porta da habitación e que aquel que entra debe poñer para acceder a ela, semellan formar parte máis dun exercicio de protocolo que de efectividade real porque, en primeiro lugar non chegan a cubrir ó completo a túa vestimenta, pois alcanza a media perna, coas costas case descubertas, e por suposto sen calzas que cubran os zapatos que posiblemente sexa a indumentaria que máis contamine dende fora. Se o risco de contaxio está dentro, e dicir se o doente é o portador, a fonte de contaxio, a efectividade da mandileta semella ser a mesma.
O outro día fun ver a un amigo descoñecendo que estaba nesa circunstancia, non reparei no aviso pendurado na porta e entrei sen máis. Unha auxiliar chamoume a atención, moi correctamente, iso si, por non vestir o aludido indumento. Desculpeime e saín para poñer o mandil. Logo observei que a auxiliar entraba e saía na habitación sen a susodita bata e isto fíxome reflexionar sobre a verdadeira efectividade da norma. Cada vez que saes e entras tes que descartar o que levas posto e poñer outra cobertura na roupa, segundo o protocolo. Nunha ocasión, pola miña condición de sanitario ( agora son exsanitario) tiven que visitar a unha paciente que estaba en “hospitalización domiciliaria” e “en illamento”(¿?).
Na súa casa tiña batas, luvas e mascariñas, pero eu entraba coa miña que traía posta do ambulatorio e dentro procedía a tomar as precaucións do protocolo. Na súa casa tamén entraba e saía xente. Polo que me dixeron despois, a paciente acostumaba ir ó supermercado no seu coche e departía coa xente coma se nada. Entón eu preguntábame si o doente non cumpre coa norma, ata que punto pode ser unha fonte de contaxio por aí fora e si tamén a xente pode ser canle de contaminación cando entra sen mandil verde nunha habitación con réxime de illamento ou accede a ela coa bata posta daquela maneira. Por suposto os coidados hospitalarios na nosa sanidade pública son esmerados: seino porque tiven compañeiros que traballaban e traballan aí que se esforzaban e se esforzan ó máximo pola atención ós doentes. A excelencia era e é un obxectivo, e o esforzo por acadala, colectivo.
Isto do mandil verde que trouxen hoxe a colación é so unha anécdota que me serviu para a “mirada” desta semana ó fío da visita que fixen ó meu amigo. Penso que Luís Piedrahita podería facer un simpático monólogo sobre esa mandileta verde que nos espera á porta da habitación onde mora un paciente en “réxime de illamento”. O meu amigo ten un trato exquisito por parte do persoal sanitario que o atende e agora xa non ten a condición de “illado”, así que xa podo ir visitalo de “calle”, sen mandil e sen medo ó contaxio mutuo.