LAPOTES

Simbólicos, xa se entende, dialécticos, lástima fora, os que merece o señor Feito (máis ben Desfeito, despois da deposición que ven de facer), presidente da comisión económica da CEOE (¡mimadriña, que medo!), autor da moi memorable sentencia segundo a cal os parados teñen que aceptar calquera oferta de traballo. ¡Aínda que sexa en Laponia! Descoñezo en que sector opera o señor Feito (ou Desfeito), tamén o lugar onde reside.

Debo crer que o nachiño en cuestión mora e labora (igual ora, tamén) en sitios cheos de comodidades. E –sobre todo– cun futuro por diante ben falagador. Non así todo o exército de parados do noso país, abondo fartos dunha situación ruín que non ten visos de mellorar. Porque abondo triste é non ter traballo para que por riba veña un nacho destas características (a frase “lapona” está chea de chulería) cuspir polo cairo semellante antroidada.

Hai unha copla andaluza tremenda, moi aplicable ao caso, que di: “Desgraciadito el que come el pan de la mano ajena. Siempre mirando a la cara si la ponen mala o güena”. Pois algo así o señorito este, dos que se sinten coa tixola polo mango. E como diría María Elena Walsh, o mango tamén. Olle, señor Feito, colla os bártulos e lisque vostede para Laponia. A ver se alí dá vendido algo aos lapóns (ou, no idioma de Feito-Desfeito aos “lapones”). Pero coidadiño, non vaia con eses modais que igual o corren a lapotes. E xa non tan simbólicos ou dialécticos como os meus.

LAPOTES

Te puede interesar