Fumar

ai unhas semanas, dando unha volta polo mercado de Covent Garden, reparei en que nunha das paredes dunha esquina, ao carón do London Transport Museum, había un par de letreiros indicando que alí se podía fumar. “Smoking permited in this area”, dicía un deles, que contiña o deseño dun pitillo fumegando. O outro, en letras de maior tamaño, limitábase a sinalar que esa era unha “Smoking Area” e tiña debaixo un cinceiro fixado á parede. Chamoume a atención porque era unha rúa como outra calquera e, que eu saiba, en Londres, de momento, non está prohibido fumar nos espazos públicos abertos. Entre nós, tamén de momento, tampouco está prohibido fumar polas rúas ou espazos abertos, mais nunca vin ningunha área de fumadores sinalizada. Se cadra, como medida persuasora, non é mala idea que as vilas e cidades fixen puntos onde poda fumar quen o queira. Sei, porque o leo ou o escoito nos medios de comunicación, que algunhas sociedades e asociacións relacionadas co mundo da saúde andan reclamando modificacións na lexislación vixente sobre o consumo de tabaco en lugares públicos. Unha das reclamacións nas que máis se insiste é na de que non se permita fumar en determinados espazos públicos, por moi ventilados que estes esteñan, se neles se vai concentrar certa cantidade de xente: chámense praias ou lugares totalmente abertos ou parcialmente pechados como campos de fútbol, prazas de touros... nos que se celebren espectáculos festivos ou deportivos. Máxime se hai ou pode haber menores, xa que neste caso non se trata só de que o fume non moleste e/ou afecte ás vías respiratorias dos presentes senón de que a cativería, non vexa como algo normal que se fume ou, peor aínda, que, insconscientemente, identifique o feito de fumar coa diversión e o lecer.
Estou convencido, porque teñen todas as lóxicas habidas e por haber do mundo, de que estas e outras medidas, como a de fumar conducindo ou nun coche particular onde viaxen menores, se van introducir na lexislación. Penso tamén que se fai precisa unha maior vixilancia do cumprimento da lexislación actual.  A lei di claramente que nas terrazas onde hai máis de dous parámetros protectores, teito incluído, non se pode fumar. Nin tampouco nesa especie de porches, que algúns establecementos habilitaron nas entradas botando estas cara atrás E vemos exemplos de ambos os tipos por aquí e por acolá. 

Fumar

Te puede interesar