“Os días pintados” de Xavier Corre

|

M
áis de corenta anos da obra de Xavier Correa Corredoira –a primeira retrospectiva que se lle fai– colgan nas salas da Fundación Luis Seoane, dando testemuña da súa potencia creadora, da liberdade da súa man que escoa pintura con paixón telúrico-cósmica, na que o misterio está sempre presente; xa sexa nunha pequena táboa do ano 1971, que titula “A Tapies xeóuselle un pé no medio da natureza”; xa sexa nas obras de gran formato, como no impresionante “Friso das feridas” da década do 80, xa nos cadros máis recentes nos que se deixou levar polas inmensidades oceánicas.
O mesmo sobrecollemento que deberon sentir os pintores de Altamira, polos que sinte tanta admiración, é o que se percibe no seu quefacer; por eso pinta coma un “primitivo”, é decir coma un primitivo moderno, unindo- como fixeron tantos artístas contemporáneos-, as incitacións dos mitos das culturas antiguas e dos autores dos megalitos e petroglifos, coas máis ousadas e rupturistas figuracións das vangardas.
Un exemplo claro de esto é Paleorzana (1973), unha poderosa figura femenina, de formas rotundas como as das Venus estatopigias, que ergue as súas rosadas carnacións en actitude votiva cara as celestes alturas, e non se sabe si está feita das rochas da praia do Orzán iluminadas polo fogo do solpor ou das voluminosas e fuxintes configuracións das nubes.
O que sí é certo é que os catro elementos: a terra, o aire, a auga, o fogo están presentes, xa a xeito de esvaecentes auras como o aire, xa en tonalidades sangue e carmín coma o fogo, xa en espesamentos matéricos de cor ocre e siena como a terra, xa en azuis ultramar como a auga.
A alquimia da materia, as transformacións constantes, as metamorfoses e simbioses do ser son algunhas das súas constantes; esto vese concretamente na serie “Nove homes animalizados”, unha secuencia non só do home coa besta: home-serpe, home-cocodrilo, home-cabalo...etc, senon unha secuencia da cor, dende a intenso carmín ata as tonalidades violáceas.
“Os días pintados” non é só unha testemuña do tempo que fuxe, do amor e da morte; é tamén e en moitos casos unha rendida homenaxe aos artistas que admira, aos amigos que o acompañaron e mui especialmente á muller dadora de vida, terra ergueita, mater amabilis. Así hai que destacar o grupo de donas preñadas, de nais amamantando, de figuras femeninas que fan quebros difíciles no espazo as que denomina Córpore e que debuxan coas súas contorsións a loita eterna, o pathos do vivir.
Este pathos está tamén nas súas Crucifixións, na ofrenda a Lindsay Kemp, na lembranza de Mon vasco en África e sobre todo na homenaxe a MIchelangelo Buonarroti onde, en clave expresionista, fai unha parafrase das simbólicas figuras do Día, do Ocaso, da Alba e da Noite, prefigurando os eternos ritmos astrais.
A vida pasa, plena, invasora, indetible, terrible e maravillosa a un tempo por esta pintura de Correa, mentras él se autorretrata discreto, contemplando en silenciosos grises que lembran a Vázquez Díaz as coloreadas formas que o incitan.

“Os días pintados” de Xavier Corre