Vergoña allea

nos meus tempos de estudante universitario –o franquismo era así– tiven que me examinar, paréceme recordar que en dous cursos, das materias de Educación Física e de Educación Política. Non así de Relixión, xa que a suprimiran dos plans de estudos xusto no curso en que a min me tocaría facela. De feito aparece no expediente coa cualificación de exento. Pois ben, o examinador de política, un señor da Falanxe, obsequioume con cadanseu sobresaliente. 
Non recordo cal fora o tema a desenvolver nun dos cursos, mais si lembro ben que no outro había que falar da conquista e evanxelización de América. Obviamente, púxenlle todo o contrario do que pensaba hai 44 anos. Que é o mesmo que penso hoxe. Se cadra, son un inmobilista do pensamento correcto, que non do único. E mira por onde, tanto tempo despois, con todas esas cousas que nos din que cambiaron, atópome con un señor manifestando sen o menor rubor cousas moi semellantes ás que eu escribira naquel exame. Cousas como que “España nunca fue colonizadora”, senón “evangelizadora y civilizadora”, que non houbo “exterminio de seres humanos”... 
En resumo, que os españois que atravesaran o Atlántico eran uns tipos do melloriño que houbo na historia do mundo, esa que “ no se podría escribir sin España”. Malia todo aquel meu desbarre estudantil, que seguro que era moito, estou convencido de que non cheguei a afirmacións do calibre de que “Lamentar la desaparición del imperio azteca es más o menos como sentir pesar por la derrota de los nazis en la segunda guerra mundial”, porque para dicir iso se require una educación moi determinada, da que, moi afortunadamente, carezo. 
En calquera caso, entre estas curiosas semellanzas media un abismo. O meu fora un divertimento coa finalidade de superar un exame e o deste señor vai en serio, o que xa non me parece tan ben. E menos aínda, se temos en conta que este señor, don José Antonio Sánchez, é nada máis e nada menos que o presidente de RTVE, ese ente público que tantos cartos nos custa aos que puntualmente cumprimos coas nosas obrigas fiscais. E seguirá aí cobrando un pastón tan ricamente. Vergoñento.
 

Vergoña allea

Te puede interesar