Solucións cosméticas

O  Goberno central, con Rajoy á cabeza, gábase de que a recesión vai ficando atrás. Utilizan como dados: o equilibrio na balanza exterior, o repunte do turismo, a queda do desemprego e que o PIB descendeu pouco no último trimestre. Esquecen dicir que a mellora na balanza comercial débese en boa medida a que baixan moito as importacións, polo que non xera na súa totalidade novo emprego. Ou que, o turismo aumenta pola axitación política en Turquía e Exipto, polo que é circunstancial. E que o descenso do desemprego obedece tamén a que se reduce o número de persoas activas (sen esquecer que a maioría do novo emprego é precario).
Ademais, segue crecendo de xeito alarmante a débeda pública, malia o recuar dos servizos esenciais, por mor da caída dos ingresos fiscais (economía en negro, baixa taxa impositiva dos grandes patrimonios e empresas) e ter que tapar buratos do capital privado, especialmente do sector bancario.
O actual sistema económico e social non é sostíbel, a non ser mediante métodos represivos e depredadores. Xa que, ao liberar calquera traba á libre circulación de mercadorías e capitais, provoca na Europa occidental, especialmente nas áreas máis periféricas, un recuar nas condicións de vida da maioría da poboación.
Nunha economía aberta, con realidades de desenvolvemento tan diversas, as regras de xogo son impostas no mundo polos que teñen poder militar, tecnoloxía moi avanzada, e/ou unha inmensa man de obra de reserva. Todos os demais, ao desaparecer a blindaxe dos aranceis e moedas nacionais, e dobregarse a vontade popular, están sometidos ás grandes potencias e grupos económicos.
Os gobernos e pobos que aceptan está dinámica pouco poden decidir sobre o seu futuro, alén de rebaixar custes, confiando en que o proceso se desacelere para poder recompoñer as condicións para o crecemento.
O problema é, que por moito tempo, unha inmensa parte da humanidade pode facer o mesmo traballo por salarios moito máis baixos, e a cobiza dos máis ricos non ten límite, nen patria, nen responsabilidades sociais. Entón todo se reduce a solucións cosméticas, para  desalentar o descontente social e arrebañar un chisco do lucro.

Solucións cosméticas

Te puede interesar