O 14 de abril imos celebrar ou simplemente lembramos o 85º cabodano do nacemento da Segunda República. Foi un dos acontecementos históricos que sucedeu en España, celebrado con máis esplendor, alegría e esperanza en todos os pobos, sobre todo entre os pobres, campesiños, clase traballadora, intelectuais, un número para ter en conta de clérigos e tamén, non se espanten,de algún bispo.
Para coñecermos a nosa historia da República e da guerra civil, que acabou con ela, non hai máis remedio que ir ás fontes. Primeiro, as escritas e documentais, non polos vencedores, senon polos historiadores e investigadores que sacaron dos fondos, escondidos largo tempo, a verdade. Segundo, as testemuñas de xente que aínda vive, tanto tempo agachadas no silencio e esquecemento forzoso, e que nestes tempos, demasiado tarde xa, que rachou ese silencio, rompeu o medo e falou e aínda sigue a falar, como libros vivos só é necesario estar a escoita desta xente que na longa noite de pedra tanto sufriu; como exemplo desta segunda fonte poño estes dous libros: Os anos do medo e Un cesto de mazás, que acabo de ler. Terceiro, a outra fonte é a dos antropólogos que descobren con moito coidadiño e veneración os restos das vítimas que aínda xacen en lugares ignotos debaixo da terra nos montes, cunetas e á beira, fóra, dos cemiterios; e aquí poño como exemplo a equipa de Ponferrada, que hai pouco tempo ven de recibir unha boa axuda dunha persoa do estranxeiro, do contrario tería que pechar a labor, pois xa sabemos que este goberno en funcións non funcionou nin estaba por esas, e tamén outro exemplo é o de Darío Rivas, que despois de desenterrar á seu pai, vítima do franquismo, retornou para Bos Aires, a súa segunda patria, para denunciar os crimes de lesa humanidade na Querella Argentina, pois aquí non lle admitiron facelo . A Memoria Histórica ten en conta o consello de Xosé Manuel Carballo, pois non se trata de “levantar a terra e botarlla enriba aos outros”. Non, non se trata pois de vinganza, trátase de dignidade e xustiza para tantas persoas asoballadas.
Todo isto ven ao caso de que aínda hai unha crenza bastante xeneralizada, e non sen razón, pois os suxeitos desa crenza foron, ou fomos, aprendidos por activa e por pasiva durante tantos anos, de que a culpa de todos os crimes e da guerra civil tívoa a II República.
E xa que nestes intres están a tratar o tema da Monarquía ou República nos plenos municipais de Ferrol e Narón con distintos resultados, a desaprobación do primeiro e a aprobación do segundo. Non cabe dúbida de que a Monarquía actual está baseada nos principios fundamentais do réxime franquista que a transición non fixo máis que ratificar a súa herdanza e coa aprobación referendada; despois dunha ditadura tan longa, xa nos parecía que gozar da democracia era estarmos na gloria. “Que outra cousa –din os pais desa democracia– se podía facer?”. Ben sabemos que a transición exemplar non deixou de ser un amaño para que o franquismo seguira .
Mais chegou a Lei da Memoria Histórica do 2007, que aínda que resultou ben raquítica na práctica, e esquecida polo goberno actual, condena, emporiso, o franquismo, facendo súa a condena da Asemblea Parlamentar do Consello de Europa (PACE) (17 de marzo de 2006) que así mesmo condena con firmeza as múltiples e graves violacións dos Dereitos Humanos cometidos en España polo réxime franquista de 1939 a 1975. No art. 8 esta Asemblea pide ao Comité de Ministros: “que proclame unha declaración oficial de condena internacional do réxime de Franco e declara a data do 18 de xullo de 2006 como Día oficial de condena do réxime de Franco no 70 cabodano do golpe de Estado e do comezo da guerra civil”. Mesmo parece que se trata de un arrepentimento por aquela hipócrita actitude de “non intervención” de Francia e Gran Bretaña. Pois deixaran sen apoio á República Española en 1936.
Polo tanto, non é para repensar que institucións saídas do franquismo, entre elas a monarquía, teñan que pasar pola criba de que “o pobo é quen ordena”? Sabemos que son estes momentos problemáticos do paro, das eleccións..., mais o pensar non ocupa lugar, e que non se pode ter medo a que veña o pobo a tomar decisións.
Está claro que se o franquismo, que exterminou a República polo golpe inxusto e criminal de Estado e pola guerra civil que inventaron eles, foi condenado legalmente, é ben certo que a quen non lle pertence decidir o relevo do novo réxime non é ao amaño que tiña xa feito o ditador condenado.
Non sei se me estou pasando ou se a miña exposición leva ben os fíos da argumentación e as conclusións. De todas formas queda outra segunda parte, sen ánimo de cansar ao respectable.