Se puidésemos ver por dentro as inmundicias escondidas nas cavernas da Curia Vaticana que o papa Francisco empezou a ir sacando á luz pouco despois de ser elixido, non dariamos creto ao que vían os nosos ollos. Sempre se sospeitou da existencia de mercaderes e negociantes pouco limpos nalgunhas de esas estancias romanas, pero non ata o extremo de semellante podremia. Por un lado estaba o considerable número dos pederastas máis ou menos abrigados pola tolerancia vaticana tan dada a ocultar os trapos sucios. Tolerancia que, indirectamente, dáballe azos para que a pandemia se estendese dende Roma ata o Estreito de Xibraltar, co agora coñecido caso Granada. E por outro lado, aparecía a trama de corrupción moral e económica que os encubridores non eran xa quen de esconder por máis tempo: membros da curia e cardeais implicados en loitas intestinas de poder. Roubos e lascivia eran os pecados, e tamén os delitos, que viñan minando os fundamentos do que representa o Vaticano. Pobre Igrexa, sen autoridade moral e sen a enerxía que require o anuncio do Evanxeo do Nazareno, crucificado por querer liberar aos pobres e os humildes. Os dous grandes escándalos da Igrexa no s. XX encontrábanse na protección dos curas pederastas e na corrupción moral e económica de algúns membros da curia romana. Pero, por contraditorio que pareza, quen así se comportou non foi a Igrexa senón unha pequena parte da xerarquía e do clero que, por estaren situados no goberno da Institución, escandalizaron de esa maneira á sociedade. A inmensa maioría dos fieis e dos bispos que forman a Igrexa son persoas honestas e honradas, ás que lles repugnan estes feitos. Con todo, non por iso quedan, nin quedamos todos os que nos consideramos membros da mesma, libres de toda culpa. Somos culpables, e tamén os dous papas anteriores, un xa morto e canonizado e outro xubilado, do silencio cómplice, intolerable diante semellante oprobio. Nós non fomos exemplares como deberiamos para que a Igrexa mantivese o prestixio como servidora nunha sociedade sempre necesitada de defensores da xustiza para os pobres. Neste aspecto a Igrexa tendeu máis a cumprir normas e dar esmolas que a comprometerse na defensa dos dereitos dos inxustamente tratados nesta sociedade mercantilizada. Debemos acabar co costume de considerarse cristián só por ir a misa e por rezar. O papa Francisco acaba de dicir ben claro que a coherencia cristiá está en pensar, vivir e sentirse como tal.