Colectiva de pintura galega

|

A galería de arte La Marina-José Lorenzo ofrece unha mostra colectiva de grandes figuras da arte galega, que vai dende fins do século XIX ata a actualidade, na que o retrato e a paisaxe teñen un importante lugar. O percorrido iníciase cun pequeno cadro de Camilo Díaz Valiño, que enfoca as torres da catedral de Santiago dende o interior dun aberto arco románico, un canto á épica monumentalidade de noso. Noutra banda, unha paisaxe de Ovidio Murguía ofrece unha visión, entre idílica e saudosa, do noso mar, con escuras e potentes rochas erguéndose cara o alto ceo turquesa. Xexús Corredoyra devólvenos o contraste da terra en sombra contra un bermello atardecer. 

Un magnífico retrato de dona xoven de Sotomayor da fe da súa mestría coas temperaturas da cor, fundindo fondo e figura nunha soa entoación. Hai un retrato que nos descobre a un Luis Seoane inédito: trátase dunha moza vestida de azul, probablemente bonaerense, que reflicte dun xeito fiel e un tanto modiglianesco  unha fisonomía reflexiva, contra un axitado fondo abstracto. Muller e mar aparecen unidas no cadro de Juan Luis que representa a unha mociña deitada na praia. Paisaxe e figura forman parte do cadro de Carlos Maside que- supostamente representa a Cebreiro, pero que podería ser pola roupa e a actitude estoica e meditativa un dos nosos paisanos. 

Na liña dun expresionismo de tintas  espesas i escuras está “A francesiña” de José Frau que, pola contra, ofrece en “O retoque” unha elegante e estilizada versión en grises e malva rosáceos doutra delicada xoven de aire parisino. Rivas Montenegro devólvenos a estética elegante da burguesía dos anos 20, coa súa refinada acuarela na que mostra a xóvenes bañistas nun balneario. Palmeiro ofrécenos un meditativo rostro de rapaza, en azuis e laranxas. Xa en pleno século XX, Lago Rivera ábrenos aos líricos e maravillosos espazos grises na que árbores, outeiros e nubes armonízanse en meditativo sosego. De quietude, entre envolventes luces ocre e terra con complementarios gris azulado, fala un fermoso bodegón con ventá de Felipe Criado, mentres outra obra súa coloca duas barrocas bañistas nun espazo polícromo. 

Evocador como sempre dos campos e das leiras coloridas de Curtis, onde as corres terra bermella xogan cos verdes complementarios, é a obra de María Antonia Dans. González Pascual  fai un xogo metafórico coa materia, poñendo enriba dun moble de madeira un toro da árbore coa que se construíu. Maravillosa A Coruña pintada por Alfonso Costa, na que fai un atmosférico e levitante contraponto espacial, no que danzan as liñas, das torres do pazo de María Pita, das cristaleiras da Marina e das barcas da Dársena. Unha gueivota de Solveira no solpor, unha velliña de Prego que leva no lombo unha tremenda carga, un espido de Lino Lago, Os solistas de Manuel Torres i esculturas de Buciños, Xosé Cid, Toubes, Silverio Rivas e outros completan esta colección de obras que testemuña da variedade de linguaxes e da riqueza enorme da nosa plástica actual.

Colectiva de pintura galega