OBRAS

Hai un moi coñecido deseño do álbum Nós (1931) do grande Castelao, onde se ve xente –semellan formigas– traballando nunha enorme escultura dun pensador que leva o seguinte pé: “Non lle poñades chatas á obra namentras non se remata. O que pense que vai mal que traballe n’ela, hay sitio para todos”. Nin que dicir ten que o que se desprende deste breve texto non é outra cousa que a denuncia de actitudes negativas e/ou falta de apoio e colaboración. Un moi bo exemplo deste tipo de críticas absolutamente impresentables e irresponsables é sen dúbida aquel “Que caiga España que ya la levantaremos nosotros” que pronunciou –tal e como acabou por recoñecer despois de negalo algún tempo– o ministro Cristóbal Montoro a mediados de 2010, cando  era deputado e malgobernaba o PSOE de Rodríguez Zapatero. Afortunadamente, para todos nós (el incluído), España, estando fatal, non estaba tan caída como pretendía facernos crer este señor de constantes promesas tan falsas como malintencionadas. E como “coida o ladrón que todos o son” –ademais do infantiloide “y tú más”, do que tamén gusta moito o PSOE– moita da militancia do PP aponlle ós demais actitudes propias de don Cristóbal, que, na inmensa maioría dos casos están lonxe de ser tales. Así, para militantes do Partido Popular da nosa zona calquera manifestación contraria e/ou discrepante co que venden como grandes logros supón, necesariamente, que os discrepantes preferirían que nada se tivese conseguido. E non hai tal. O que hai son diferentes puntos de vista, tan válidos como calquera outros. O problema agudízase cando se está en portas de eleccións de calquera caste. Os gobernantes queren deixar constancia diante do electorado o magnífico das súas políticas, presentar un inexistente país das marabillas ó que chegaremos se seguimos dándolle o noso apoio, indo da súa man. Do tanto que se ía facer e nada se fixo cálase todo. É tempo de éxitos e, por exemplo, os que non están de acordo coa solución que se lle está dando ó saneamento da ría consideran que é que preferían deixar as cousas como estaban. Nas últimas semanas volveu tomar forza este tema que leva moitos anos preocupando a nosa poboación. Tema de grande complexidade, tanto en aspectos técnicos como sociais. Hai uns días presentouse a publicación A ría de Ferrol e o seu saneamento. Presente e futuro, que recolle o tratado nas “Xornadas” que, como mesmo título, se celebraron nos meses finais do pasado ano organizadas pola Sociedade Galega de Historia Natural, Adega, Verdegaia e a Comisión de Medio Ambiente da A.VV. “El Pilar”. Aínda que son plenamente consciente de que os meus coñecementos técnicos –non tan así os de carácter societario– para facer unha valoración seria de problemas ambientais son limitadísimos, por non dicir nulos, debo manifestar que me resultou moi proveitosa a lectura destes textos xerados nas xornadas medioambientais citadas. Parecéronme estudos e reflexións do máis elaborado que as nosas autoridades non deberían deixar de lado e si ter en conta para transmitirllas ós estamentos directamente responsables dos proxectos e obras relacionados co que debería ser un saneamento integral da nosa ría. Polo que lin, paréceme que o do saneamento integral que se di que vai quedar cando finalicen as obras e rodo entre en funcionamento non vai ser tal. É evidente que pasaron moitos anos desde que comezaron os traballos e moitos tamén os cartos que se levan investidos neles (bastantes en refacer o que, mal ou ben, xa estaba feito e abandonado), mais, polo que albisquei, aínda sería posible emendar erros, sistemas obsoletos ou, mesmo, o que parecen irregularidades no cumprimento das normativas legais. A estas alturas, despois de tantos e inexplicados atrasos (o último o das obras en Irmandiños), algún outro máis, podería ser asumible se contribuíse a mellorar substancialmente o resultado final. Doutro xeito, haberá que esperar a ver como funciona o sistema depurador realizado e se a cousa vai mal –como hai quen ten apuntado como probable– esixir responsabilidades a quen corresponda. Aínda que xa sabemos que iso de responsabilidades (e responsables) nestes nosos lares parece que non existen. Chegada a hora da verdade volatilízanse. Só recomendar a lectura da publicación. Paga a pena.

 

OBRAS

Te puede interesar