SEN ACRITUDE

Conta un bo amigo meu que na Revolución Francesa, igualouse o tratamento das xentes por arriba, a pescadora pasou a ser “madame la poissonniere”, o carniceiro “monsieur le boucher”...etc. Aquí igualámonos tamén, pero por abaixo, acabouse o don e a dona, calquera indocumentado é quen de atuarte sen coñecerte de nada, sen ningún respecto ás canas nin a ningunha outra consideración. Conta asemade que hai anos, co gallo dunha recepción na Capitanía Xeral, foille negada a entrada a certo persoeiro da cidade porque non levaba a gravata que exixía o protocolo. Eran aqueles outros tempos, non digo se mellores ou peores dos que estamos a vivir.
Ven o anterior a conto ante a última falcatruada do home da coleta vestindo de smóking na cerimonia de entrega dos premios Goya. A verdade é que non lle acaía moi ben a paxara afeitos e fartos como estamos de velo en mangas de camisa, incluso en ocasións moito máis importantes como son as súas xuntanzas co rey de España para tratar de algo tan serio e transcendente como é o goberno da nación. A min estes feitos tan contraditorios parécenme, ademais dunha intolerable falta de respecto a nosa primeira autoridade nacional, prepotentes, ramplóns e fóra de lugar Aquí no noso Ferrol tamén tivemos situacións similares:
Dous comandantes de barcos de armadas estranxeiras, vestidos de uniforme de gala coas súas correspondentes condecoracións acoden ao palacio do concello a cumprimentar a primeira autoridade municipal e son recibidos en mangas de camisa e aínda con esta por fóra do pantalón. Un non pode evitar preguntarse que impresión levarían os dous comandantes despois de ser recibidos de tal xeito. Por riba, ante esta actitude e maneira de vestir en ocasións onde o protocolo e mesmo a educación exixen outras formas, un preguntase ¿que é o que tratan de demostrar?, ou dito doutro xeito ¿ten isto algún significado que se nos escapa á xente do común?
O alcalde dunha cidade non se pode permitir este tipo de licencias porque dalgún xeito está representando a tódolos cidadáns e en Ferrol, eu e seguro que comigo moitos ferroláns, con estas cousas, non nos sentimos ben representados.
Señor alcalde, anque non o coñezo persoalmente, estou seguro de que é vostede unha boa persoa chea de boas intencións, pero esta actitude francamente non a entendo. Créame que me custa moito traballo escribir estas letras pero abofé que o fago coa mellor intención e como lle digo no titulo deste breve apunte, sen acritude. 

SEN ACRITUDE

Te puede interesar