O QUE FALTABA

 

Está previsto que mañá luns, no Château de Vidy de Lausanne, Madrid presente perante o Comité Olímpico Internacional o dossier da súa candidatura para organizar os xogos olímpicos de 2020. Como viaxar, comer e durmir é gratis –para eles, que non para os que o pagamos todo–, e malia que só se trata dun acto simbólico, alá vai para Suíza unha ampla delegación do Concello, da Comunidade de Madrid, do Consello Superior de Deportes, do Comité Olímpico Español, dos membros españois do COI... Quérennos vender que esta nutrida representación manifesta o compromiso das diferentes administracións coa candidatura, proxecto que ven como “¿necesario?” para impulsar a economía española, como din que lle pasou a Londres. “Cuate, aquí hay tomate”, como diría un mexicano. E tomate –e outras cousas– seguro que hai. Mais non para o conxunto do pobo que, coma sempre, acabará pagando todo para beneficio duns cantos. En calquera caso, á vista da situación económica do Estado –a que nos contan, que a real nin a albiscamos– a min, como mínimo, paréceme dunha escandalosa frivolidade andar con macanas destas de organizar grandes eventos. O dos importantes beneficios de Londres haberá que velo a máis longo prazo que o da inmediatez dos catro meses escasos transcorridos. O curioso é que nada se di dos xogos de Atenas cando hai indicadores de que o gasto realizado tivo a súa influencia no devalo económico grego. Non se está a falar da organización do Trofeo Santiago Bernabeu, poñamos por caso, por aquilo de Madrid. Uns xogos olímpicos son palabras maiores. Ingrésase moito, sen dúbida, mais tamén se gasta moito e, presuntamente, se rouba outro tanto. Pero aquí, dálle alegría. Xa proverán o apóstolo Santiago, a virxe do Rocío..., atendendo as demandas e rogos dos nosos, e nosas, máximos dirixentes. De traca. Agardemos que a cordura impere en quen teña que resolver a adxudicación da sede olímpica e a festa vaia para outra parte. A non ser que, como a España sempre lle teñen envexa, a queiran afundir na miseria máis absoluta durante décadas e décadas.

De contribucións ó afundimento algo deben saber tamén un bo feixe dos nosos representantes no parlamento español. Onte mesmo –aínda que o tema ven aparecendo de cando en vez desde hai certo tempo– podiamos ler que 62 deputados residentes en Madrid perciben unhas suculentas dietas, desas coas que, como todo ingreso, farían felices a infinidade de cidadáns dos que din representar –1.823€ libres de calquera declaración impositiva–, como se vivisen na provincia pola que foron elixidos.

Gañan por goleada os do PP, seguidos a certa distancia polos do PSOE, deles, ¡ollo!, tres exministros. Do resto dos partidos representados só hai un de CiU e outro de Coalición Canaria. Mais a cousa non acaba aí, e isto aínda semella máis grave. Ó que parece, entre os que perciben eses complementos que non lles corresponden, están nada menos que catro dos ministros do actual goberno, e deles nada menos que os de Facenda e de Emprego e Seguridade Social. ¿Sóanlles Cristóbal Montoro e Fátima Báñez? Pois estes, que, polo significativo dos seus cargos, deberían abandeirar as prédicas do exemplo, presuntamente cometen estes fraudes de miserenta vileza. Con todas as prebendas das que gozan e o forrados que están mollarse por 1.800 euros mensuais é ben indicativo da catadura moral de con quen nos xogamos os cartos. Son, como se ve, os máis indicados para lle pedir sacrificios ó pobo. ¿E van ser estes os que vaian reformar a administración suprimindo organismos inútiles como concellos de menos de mil, tres mil, cinco mil... habitantes ou as caciquís deputacións? Visto o visto parece que vai ser que non. E a seguir poñendo, que por aí non vai quedar outra.

 

O QUE FALTABA

Te puede interesar