Pacucho

Tendo como tiña un espléndido currículo –restaurador de primeira (en Casa Paco, antes o Hispano-Argentino), tetracampión de España de Motonáutica–, Pacucho Fernández Cagiao deixa, detrás súa, un ronsel de vivencias e sentimentos, de actos liberais (por xenerosos) que non hei enumerar. Mais dos que podo dar testemuña por vivilos nun primeiro plano. De feito, Pacucho ocupou lugar privilexiado na miña escrita; nela, en poemas, contos, artigos, artefactos narrativos, xorde este home de Miño afincado no Portazgo de Xuvia-Neda desde cativo, onde chegara da man do seu pai, Paco Fernández Lago que foi quen erguera un establecemento hostaleiro de primeira liña, bar, restorán, “boite”. Primeira posición en tempos gloriosos para esta bisbarra. Laiábase Pacucho, con palabra crítica (xamais aceda, o seu era a liberalidade, xa se dixo) da decadencia dun ámbito, o noso, que segue agardando a man de neve becqueriana que o convide a bulir e andar. 
Con Pacucho teño viaxado, física, verbalmente, por moitos lugares, onde nos levara a común curiosidade polo país e a paisanaxe. E eu desfrutaba parolando con el de mil cousas, tamén do pasado recente, ambos os dous nados nun tempo histórico semellante, por máis que o mirásemos con perspectivas moi dispares. Non importa. A nosa era unha amizade que a da gadaña non pode quebrar. Mentres eu teña alento non deixarei de lembrar as falcatruadas que faciamos ou imaxinabamos, refrescados coa auga da Fonte da Frouxá, propiedades priápicas, sostiña meu amigo, descubertas polo grande, inmenso, Don Paco “o da Mercé”. Con Pacucho marcha, ría abaixo, un personaxe fundamental no meu devir vital. La vai, navegante de utopías, a bordo da súa lancha, esnaquizando en cristais as augas que o viron triunfar. Logo, despois, Pacucho sería, non é pouco, mariñeiro en terra, na do Portazgo de Xuvia, onde vén de finar na madrugada do 13 de novembro. Unha apertiña forte, Capitán.

Pacucho

Te puede interesar