Dende as institucións só se pon o acento na vacina como a solución á pandemia e á crise económica e social que alentou, esquecendo que a crise estábase cociñando previamente, como consecuencia da inmensa concentración e centralización da riqueza e do poder, da desfeita ecolóxica, da especulación financeira e da agresión imperialista. Estes efectos negativos son máis evidentes nos países que cumpren un papel subalterno, aínda que estean na periferia próxima ao centro de poder, como é o caso da Galiza.
Nas últimas décadas agudizouse a deslocalización empresarial e moitas empresas do país pasaron a mans de capital foráneo, especialmente as máis dinámicas. Ao mesmo tempo fomos perdendo diversidade produtiva, co que isto implica de negativo para facer fronte ás crises económicas, ou diante dunha pandemia como a actual. Neste contexto hai que analizar o desmantelamento, por peches ou por procesos de reconversión sen proxectos alternativos, nos que se atopan actividades básicas da nosa economía, como son o da enerxía tradicional, naval e aluminio, dado que outros sectores como o da banca xa dependen totalmente de capitais externos, dende a crise de 2008, que en realidade foi un reaxuste do papel que se lle impuxo a cada territorio e clase social no novo equilibrio de forzas.
A vacina implica un salto positivo, aínda que a inmunidade total contra o covid-19 leve seu tempo. Porén agravouse a situación no económico e social. Abonda con ver a morea de accións de protestas da clase traballadora que se dan todos os días por múltiples razóns, tamén de autónomos/as e pequenos empresarios/as. Hai mobilizacións que teñen un carácter máis estratéxico, como é o caso das concentracións da CIG, do pasado 15 de decembro en 15 cidades e vilas da nación galega esixindo unha saída da crise xusta, ou sexa, que poña énfase na diversificación, industrialización, nos salarios e na loita contra a precariedade e desigualdade. Ou a folga parcial e unha cadea humana que se fará o día 17 na comarca do Ferrol, convocada pola CIG, CCOO e UGT, pedindo solucións para a grave situación polas que pasa o sector enerxético e industrial de Ferrol, Eume e Ortegal.
Critican as centrais convocantes destas accións de protesta a falta de sensibilidade, de medidas, por parte da Xunta e do Governo central. Unha evidencia que amosa que as promesas e boas palabras valen de ven pouco cando non están condicionadas pola constante presión da clase traballadora (relato, mobilización), tamén en época de pandemia coas medidas preventivas axeitadas.