Coa decisión británica de votar a prol da saída do Reino Unido das institucións da Unión Europea, ábrese un tempo de mudanzas que ben puidera ser o principio do fin deste modelo de xestión político imposto sobre a base de políticas económicas de austeridade que agochan un proxecto calculado para liquidar o cativo estado social do benestar. Fracasada no teórico obxectivo de sanear as contas do estados deficitarios, toca escoller entre a Europa social que motive realmente adhesión ou a simbolizada no temíbel TTIP, coa submisión ao capitalismo depredador.
Agora é de prever o efecto dominó que pode levar a reacción en cadea da esixencia de referendos noutros territorios. Unha situación inédita que apenas ten un precedente histórico de escasa incidencia na decisión de Groenlandia, territorio autónomo que deixou o club en 1985, para unha traxectoria de sesenta anos nacida baixo o rótulo de Comunidade Económica Europea que se foi agrandando con sucesivas incorporacións nun crecemento que sempre tivo, certo é, o motor económico e financeiro como elemento de decisión. Velaí a inclusión da Gran Bretaña, en 1973, xunta a Irlanda e Dinamarca; trece anos antes de que se decidiran a expandir ao sur continental coa adhesión de España e Portugal e posteriores sumas ata chegar a UE dos 28.
O terremoto que representa a decisión do Brexit vai pór a proba a capacidade do Parlamento Europeo e da Comisión para xestionar un proceso de divorcio que atope o xeito menos gravoso de facerse dano para ambas as dúas partes. O mundo dos negocios intentará unha solución que, no fondo, represente unha saída británica das institucións europeas sen irse de todo.
Un xeito de ficar no adro da casa, nun punto medio que garanta a continuidade no comercio de bens, servizos e, probabelmente, a circulación de persoas. Non esquezamos que practicamente a metade do comercio anglosaxón é cos países europeos. A separación efectiva será un proceso lento, seguro.
Se algo fica claro do sorprendente espertar da Noite de San Xoán é o distanciamento entre a clase política gobernante da súa cidadanía. A radiografía do voto británico amosa unha enorme fenda que tamén é forte división entre sectores e clases sociais, xeracionais e de intereses territoriais. Escocia ten causa para promover unha nova consulta para independizarse. Europa, a necesidade de camiñar pola vía social e cooperativa que gañe a emotividade da súa xente.