Álvaro Paradela, un ser xenial e polivalente

|

Permítanme que hoxe me poña un pouco “démodé” co artigo que lles presento. Álvaro Paradela —alias Amaro Orzán— non está de moda, pero tampouco o chegou a estar no seu momento, isto é, cando escribía e publicaba a súa obra. Que a editaba, dígase de paso, el mesmo: 125 exemplares baixo o epígrafe de “Cuadernos de A.O.”, siglas do citado alias. Os exemplares repartíaos despois entre amigos e compañeiros, que chegou a triplicar nas últimas edicións. E é que Amaro Orzán non casaba con ninguén, tratábase dunha alma libre que vivía todo canto facía dunha maneira bastante intensa. Foi articulista, ensaísta, conferenciante, poeta e narrador, e escribiu indistintamente en galego e en español.

A respecto da súa escrita en galego (de maior interese para nós) deixo aquí algo que el amentou: “O meu é un galego aprendido no medio rural e por necesidade. Para A.O. necesario. E necesario, máis e mellor que para se explicar, para comprender. O galego, amigos, aquí é unha lingua viva e operante. Os nativos arraigados en terras galaicas estamos intelectual e moralmente, é dicir, humanamente obrigados. Necesidade obriga! a sabela, a aprendela. So pena de psicomutilación”. (Do fermoso libro, de G. Castro Tomé, “Diálogos con Álvaro Paradela. Ensaio, poesía e xornalismo”.) Parécenos tremendamente interesante canto está a dicirnos. O cultivo do galego, exercer en lingua galega é, para el, unha necesidade, pero tamén unha obriga. Fica, de modo ben claro, o compromiso a propósito da lingua do país. E vemos nesta declaración esa vertente tan acaída, facéndoa entroncar con ese humanismo que outros médicos e literatos coma el promulgaran no seu momento (Castelao ou Leiras Pulpeiro), máis enfatizado unha vez prestamos atención ao último dos termos: “pscicomutilación”.

Álvaro Paradela, agora Amaro Orzán, xera un cosmos singular callado de neoloxismos. O cume desta inventiva atinxe a súa máxima expresión no libro “Sabencias” (1969), clasificado como “definicionario”, que recolle vocábulos, en orde alfabética, quer sexan da súa invención, quer non. C. Michelena Rebellón, que se ten polo seu exexeta, tense referido a esta vertente súa como unha sorte de greguerías. O realismo imperante na súa obra pasa a converterse aquí nunha especie de barroquismo surrealista.

Velaquí a seguinte definición: “CAMPÁS: Din que don, /din que din, / din que dan, / don, dan, din...”.

A través desta definición onomatopeica, observamos a clara intencionalidade irónica e burlona que lle era tan propia. Esta urxencia por inventar palabras xustificábaa dicindo que o facía por desexo de expresividade, por unha necesidade principalmente psíquica, alén de por brevidade e intensidade.

De aí ían nacendo neoloxismos como ‘sentipensante’, ‘psicomutilación’, ‘palabrario’, ‘decembrar’ e tantísimas outras, que foron cobrando vida, tamén fora do seu “definicionario”, como a felicísima ‘Ferrolterra’, hoxe de amplo uso na nosa comarca.

Álvaro Paradela/Amaro Orzán dialoga coa literatura do país. O alento de Castelao vémolo presente no conto “Rosa de Laíño”, por exemplo, no sintetismo da narración. O modo en que trata as personaxes, o cariz tan humanista que cobra o relato, sobre todo na forma en que se nos presenta á protagonista, muller que é “viúva de vivo” e que é capaz de arrostrar con dignidade a súa pobreza, tirando adiante os seus cinco fillos, pese ás adversidades e ao indiano retornado que a pretende.

As características dos contos populares, os de tradición oral, obsevámolas en “Luarela”, a pesar de que no final se nos dá unha explicación acerca da simboloxía dos elementos que nel van aparecendo.

Mais este mesmo elemento popular xorde nas coplas, nesas cuartetas imperfectas que deu en chamar “Catro ducias de cantarelas”, breves pensamentos, sorte de aforismos. Aínda que talvez sexa a liña existencialista a que maiormente predomine na súa lírica. Ás veces con ecos dun Luís Pimentel, en momentos en que se interpela a Deus interrogándoo sobre o sentido do home. Tamén dun Uxío Novoneyra, na reiteración de vocábulos, na súa duplicidade un ao lado do outro, na utilización de sons semellantes entre si e nos xogos de palabras.

O noso poeta, ante todo, é un home desesperanzado. O pesimismo permea toda a súa lírica, mostrando decote moi pouca fe no pobo, mais non na idea de Galiza. Faise elocuente cando usa o ton bárdico, ao xeito do noso Pondal, no poema “Non ten culpas Galiza”. O ser humano galego é descrito como indeciso, vacilante, pouco firme. A visión privilexiada que tiña como profesional da medicina foi, sen dúbida, o que lle procurou ese pluriforme cosmos ambiental de que se dotou, tan pragado de anécdotas e facetas. Así mesmo, a súa poesía vese trazada de panteísmo, a pesar de que a misantropía tivese moi forte calado nela, de forma que o vemos entroncar con esa maneira de compor dos poetas da Escola da Tebra. El ben sabe das inxustizas, as cales repudia, e do triunfo opresor do máis forte, mais acaba sempre por ficar no plano máis rousseauniano.

Se cadra, a utilización da retranca foi a que o axudou a combater esta visión tan pesimista que o aguilloaba. Eilo: “INIMIGOS: Os verdadeiros inimigos de Galicia están dentro: chámanse galegos. [...] AXUDA: Quen me quere axudar a facer unha outra Galicia?”.

A dicir do seu exexeta, C. Michelena Rebellón, o seu humorismo ten xorne celta. Esa visión chispeante, xocosa, deformadora e caricaturesca aproximaríao á tamén exercida por Fernández Flórez.

Quizá “Irmaus tolos” sexa o vivo exemplo desta faceta tan interesante do noso autor. Son pequenos contos moi ao xeito oral, onde se van recollendo diferentes tipoloxías de tolos. Toliños que coleccionan billetes de mil pesetas, que queren levar auga nun cesto, toliños intelixentes e parvos. Tamén do que sementaba pesos por ver de que lle nacesen máis. Do que se xulgaba unha galiña que chocaba ovos. Ou mesmo daquel que pretendía darlle cunha fonda á cara da lúa. “A tolemia é un fermoso caixón de xastre”, dísenos no libro. Álvaro Paradela foi un ser xenial e polivalente, un médico humanista impregnado de ideais humanos, ben consciente, en fin, de que o progreso científico non serviría para mellorar a dor humana.

 

Álvaro Paradela, un ser xenial e polivalente