Fair play

|

Levo xa unha morea de anos escribindo estes apuntes para o xornal, con máis ou menos éxito. Iso téñeno que xulgar os lectores, se é que algún teño. Non é a primeira vez que emprego esta fermosa expresión inglesa que ven a significar xogo limpo, tamén elegante, xusto e imparcial. Acabamos de asistir no noso país a dous acontecementos onde o fair play non destacou pola súa presencia, máis ben brillou pola súa ausencia.
Un, o máis importante e transcendente, foi o cambio de goberno como consecuencia dunha sorprendente, precipitada e traizoeira moción de censura. Paréceme a min que o procedemento non foi como para estar orgulloso dos nosos políticos. Este quítate ti para poñerme eu, a calquera prezo, non fala moi ben dunha xente que recorre a todo tipo de escuras artimañas para acadar o poder, máis propias dun tafur que dun pai da patria. Xa veremos como nos vai co novo goberno que mesmo semella o camarote dos irmáns Marx con tantos partidos participantes, e co seu eufórico presidente. A primeira impresión non é boa para a maioría do sufrido e atónito pobo español. En xeral non inspira moita confianza un home con dúas desfeitas electorais ás súas costas, as peores do socialismo que, sen outro mérito coñecido que unha desmedida ambición de poder, chega a presidente do goberno pola porta de atrás. Segundo un veterano comentarista político, con este goberno que algúns chaman Frankestein, ninguén lle arrenda as ganancias nin a el nin, o que é peor, a España.
O outro acontecemento foi a final da Champions League xogada no estadio olímpico de Kiev. Tampouco aquí houbo moito fair play que digamos. Nun apunte anterior falaba eu da sorte do campión, agora, vendo algunhas imaxes ralentizadas na TV, teño que engadir que houbo algo máis que sorte. Os comentarios do partido andan por toda Europa e chegan ata Exipto. E non digo máis que, co que dixen, penso que xa se me entende todo. Gañar de calquera xeito, gañar por riba de todo, empregando como na política, calquera procedemento lícito ou ilícito, non é moi deportivo que digamos. ¡Ai! se o barón Pierre Fredy de Coubertain, fundador dos xogos olímpicos modernos, aquel que dicía que o importante non é vencer senón participar, erguera a cabeza. 
Fair Play é unha fermosa alocución, desgraciadamente pouco aplicada na política, no deporte e na vida. Así nos loce o pelo. Unha mágoa.

Fair play