Non está moi espallada a idea de Ferrol ser un concello cun rico patrimonio histórico-artístico, cultural, paisaxístico, natural. Seguimos estando abafados por tópicos, máis ben negativos, algúns dos cais non se corresponden para nada coa realidade. Porén, é certo que somos vítimas do descoñecemento do propio, da ignorancia e os prexuízos que os condicionantes, limitacións, tabús e censuras, moitas veces, das autoridades españolas, en especial militares, impuxeron sobre a poboación. Esta debeu adaptarse, vivindo amedoñada, nun espazo fragmentado, con moitas zonas vedadas, baixo un mando capaz de impor calquera criterio, ao servizo das súas necesidades ou caprichos.
Esta adaptación criou unha certa psicoloxía colectiva, e tamén favoreceu determinadas formas de pensar. Habituámonos a convivir, como se fose normal, co vedado, oculto e prohibido por orde da superioridade. E chegamos a pensar que existimos grazas a quen nos obrigou a convivir co seu capricho, a súa arrogancia e a súas decisións unilaterais, debendo consideralas sempre benéficas.
A súa forma de proceder e a nosa forma de pensar continúan, cando xa non temos ningunha das utilidades polas que os Gobernos de España optaron por unha presenza abafante do exército e construír grandes infraestruturas militares neste concello. O abandono de moitas delas, co conseguinte espolio e ruína, foi, e é, deprimente. Nunca se optou por transferilas, ao seu debido tempo, a outras administracións para usos civís. Sempre se preferiu o seu deterioro antes que coidalas, mentres se lles procuraba unha función adecuada. É difícil imaxinar un desleixo tan irracional, estendido e pavoroso como o sufrido por todo o que aquí foi desafectado militarmente.
A maior parte está en ruína grazas aos Gobernos de España que son quen amparan a legalidade pola que se rexe o Ministerio de Defensa nesta materia. A máxima que guía a súa actuación parece ser: se non usamos ou tiramos algún pingüe beneficio é mellor o abandono total con deterioro e ruína.
Abandono total, espolio sen contemplacións –a comezar por iniciativa da propia administración da que dependía–, desprotección, foi o que sufriu o castelo de San Filipe desde que foi desafectado, especialmente.
Para remediar tanta incuria, no ano 2001, o alcalde Xaime Bello decidiu, previo acordo de toda a corporación, mercalo á Xerencia de Infraestruturas de Defensa, que tiña fixado por el un prezo de saída de 165 millóns de pesetas, coa intención de negociar a participación doutras administracións na súa rehabilitación, en especial a través do 1% cultural.
Hoxe é, con seguridade, o patrimonio histórico-artístico máis visitado do concello. Mais a verdade é que sigue sen valorarse na súa xusta dimensión, como tantas outra cousas. Non existe un plano de usos nin vontade férrea de levar adiante un consecuente proxecto rehabilitador. Nin sequera está atendido e aproveitado conforme ao que podería dar de si nas actuais circunstancias. Non resulta estraño que haxa zonas que necesiten actuacións urxentes e haxa que impedir o acceso do público a algunha das súas partes.
Porén, hai varios feitos máis sintomáticos do desleixo e desvalorización con que se actúa respecto deste patrimonio tan monumental como con tanta historia detrás, non só militar, senón expresiva dos sacrificios e as condicións onerosas e opresivas que sufriron as nosas clases populares durante distintas etapas da nosa vida colectiva (desde as guerras con Inglaterra, a célebre Armada Invencible, con inxente leva de homes, alimentos e madeira para a súa construción, até os asasinatos do alzamento militar fascista de 1936).
Un deles é o feito de non cobrarse a entrada nel desde hai anos. Só se contempla a súa vixilancia por unha empresa de seguridade privada que, polo que parece, dita tamén a política lingüística a seguir, pois os folletos en galego – xa non vou falar da atención ao público– figuran colocados en último lugar, na parte inferior dun estaribel , por debaixo do español e do inglés, contravindo o aprobado polo Pleno do Concello recentemente. Outro é que o castelo non se utiliza, desde hai anos, como espazo cultural ou festivo, malia as especiais condicións da súa Praza de Armas. Tampouco é posíbel o acceso por mar en lancha nin sequera na época estival. A culminación deste proceso de incuria e desvalorización consistiu, xa con este goberno municipal, e coincidindo co valado dalgunhas zonas, en colocar máquinas expendedoras de bebidas, xustamente no edificio á entrada, onde está o/a garda de seguridade. Clamoroso contraste coa renuncia a cobrar unha entrada asumíbel.
O castelo de San Filipe sufriu grave espolio e deterioro en anos de abandono polos Gobernos de España, que, sendo os seus responsábeis, privouno até de vixilancia, da mínima protección. Agora é noso. Está nas mans do concello.
Debemos consideralo como algo propio. Hoxe xa está a servir de reclamo de interese para propios e alleos, digno de coñecemento e valorización, como os feitos demostran. Porén, hai que responsabilizarse e asumir que algo podemos facer mellor por nós mesmos. Para as cuestións de maior envergadura, como a súa rehabilitación progresiva, necesítase unha demanda constante e firme de colaboración doutras administracións con capacidade económica.
Así se actuou noutros lugares, malia non seren tan maltratados nin espoliados como foi o patrimonio do noso concello, maltrato e espolio no que a Administración central ten unha responsabilidade incuestionábel. Mais para termos logros debemos comezar por exercer as nosas responsabilidades e sermos conscientes da importancia e valor dun patrimonio que, como o castelo de San Filipe, nos sitúa fronte á nosa propia historia, á vez que representa unha monumental obra de arquitectura e enxeñaría, na que traballaron centos de canteiros galegos.