e a alta marabilla de poder falar,
do xeito máis fondo e máis total,
coa luz que un amor, resucitada.
M. M.
A dimensión relixiosa de Manuel María abrolla na súa poesía toda, tal un regueiro brañego que flúe e non se estiña. Para non falar de Advento, primeiro cume (de non ser o segundo tras Morrendo a cada intre, algo anterior) que nos remite, no calendario litúrxico, a ese tempo que para os crentes precede ó Nadal.
Crente Manuel, sen maior espavento, “máis fondo e máis total” que espera na Resurrección que aprendeu de Cunqueiro (se non foi antes) entre outras cousas.
Veño eu de editar unha “Memorabilia” en honra de Manuel María, neste seu ano de graza, 2016, á que lle puxen tiduo estrito Cecais hai unha luz ben expresivo, que nos leva por último a esa luz derradeira, que nese poemario aparecerá, póstuma, en 2010: falar coa luz..., resucitada.
Na tal “Memorabilia” (Cadernos Ramón Piñeiro, XXXV), unha achega de Antón Lopo, tamén poeta el, do mellor que o caderno ten, venme enterar do como e o por que o poeta Ernesto Cardenal veuse ex profeso a Monforte de Lemos desde Madrid (supóñome) e demorou un día, ida por volta, en conversar con Manuel, non sei se de poesía ou de liberación.
Quero pensar, máis ben, sobre os obradoiros de creación poética ou literaria que o nicaraguano, trapense e xesuíta, en lingua náhuatl (a azteca do seu país), aborixe precolombina, onde os poucos falantes que foran quedando, integráronse nos diversos talleres de creación, dentro da comunidade cristiá na illa de Solentiname, no arquipélago do mesmo nome. De onde sairía O evanxeo de Solentiname.
Cecais Cardenal pensou que o labor de Manuel María no seu propio obradoiro, a traballar por Galicia sempre, pola Fala, pola Lingua, pola autoctonía arreo, algo, ou moito, tiña que ver coa dignidade aborixe restaurada, en parte restaurada. Que fermosa utopía en Lemos ou en Solentiname!
Volto pensar xa que logo que a visita de Ernesto Cardenal xurdiu dunha conversa con Carlos Martínez Rivas, tamén de Nicaragua, seu compañeiro poeta admirable, que en Madrid trabara fonda amizade con Valente e con Novoneyra.
O do Caurel fíxolle ver a Martínez Rivas o sedimento rigorosamente patriarcal que había n’Os eidos: a oralidade na Fala, esa transmisión secular capaz de resistir á lingua outra, invasora e colonial. O mesmo que Manuel facía.
Iso veu corroborar Cardenal na conversa habida en Lemos con Manuel María. Verificar a certeza de Solentiname.
Desde 2006, érguese en Monforte unha estatua que perpetúa a Manuel María, que ó pé era gravada esta lenda:
O povo que deixa perder a súa palabra
creada, herdada, usada, revelada,
aquela que lle é propia e singular
a que é unicamente súa, está empobrecendo ó mundo
e perpetrando o seu propio xenocidio.
M. M.
(A palabra revelada)