UNHA DE NOMES

Hai un par de días os medios de comunicación daban conta da publicación do Instituto Nacional de Estatística (INE) que contén os nomes e os apelidos das persoas empadroadas en España a 1º de xaneiro de 2013. Quen tiver interese no tema pode consultar http://www.ine.es/daco/daco42/nombyapel/nombyapel.htm, onde moi doadamente pode atopar cantidade de información. Como sempre gustei das cousas patronímicas ou toponímicas –sempre como simple interesado e nunca por asuntos profesionais– confeso que gozo movéndome dun lado para outro por páxinas como esta. Penso que os resultados non deberon resultar rechamantes para ninguén. Independentemente do lugar que ocupen a xente é consciente de que apelidos como García, González, Rodríguez, Fernández ou López –que esta é a orde que ocupan nos datos dos padróns– son frecuentísimos no conxunto do Estado español. As variacións que hai duns territorios a outros non son significativas. As persoas que teñen García por primeiro apelido en toda España achéganse ó millón e medio (e algo máis doutras tantas téñeno como segundo). Tres millóns de apelidos García en números redondos. Non están moi lonxe do millón (o dobre se contamos os segundos) calquera dos outros catro  apelidos máis abundantes. Todos cinco proceden de nomes de persoa (catro co xenitivo xermánico –ez engadido e outro, García, invariable), nomes que seguen existindo como tales, se ben a súa presenza na onomástica máis contemporánea fica lonxe da dos apelidos, sobre todo García e Lope, só 74 e 680 nomes fronte ó millón e catrocentos e pico e 876 mil primeiros apelidos, respectivamente. Fernando, o máis común na actualidade deles, chega ós 213 mil, menos dun terzo dos seus derivados Fernández. No referente a apelidos, e só a título de curiosidade, digamos que os que levamos Dobarro de primeiro só somos apenas 621 en todo o Estado ou que os Etxeberría en Guipúzkoa –a provincia máis vasca de Euskal Herría– suman 2.328 persoas fronte ás 12.647 García.
Canto ós nomes tamén ocupan os primeiros lugares os que de primeiras nos veñen á cabeza. Antonio, José, Manuel, Francisco e Jesús son os que, nesta orde, ocupan os cinco primeiros lugares no conxunto estatal. Mais por comunidades Antonio non é o primeiro máis que en oito delas. Jesús é maioritario en dúas comunidades, como José, en Cataluña e o País Valenciano, e Manuel éo en Galicia, Asturias e Cantabria. Mohamed leva a palma en Ceuta e Melilla. En mulleres o máis abundante é María Carmen, seguido de María e de Carmen, sen máis. Logo veñen Josefa e Isabel. En Aragón, principalmente en Zaragoza, o nome feminino que prima é Pilar. Como Fátima en Melilla. A historia, tanto en nomes de muller como de home, cambia se só temos en conta os nomes da xente nada nos dez primeiros anos do actual milenio, por exemplo. Aí están a Ane do Paìs Vasco, as Paula de Cataluña ou as Lucía de dez comunidades, entre elas Galicia. Ou os Alejandro ou Daniel. Tamén Pablo, Marc, Iker... predominan en diferentes territorios.
Nas últimas décadas percíbese un avance dos nomes coas formas que lle son propias ós idiomas das comunidades con linguas de seu. Así, como mostra, digamos que en Barcelona entre os rapaces nacidos na primeira década dos dous mil achamos 3.880 Joan por 924 Juan ou en Guipúzcoa 356 Josu por 41 Jesús. En Galicia tamén temos abundantes exemplos da formas galegas pero que aínda están lonxe das correspondentes españolas. Velaí os 396 Juan e só os 74 Xoán, inscritos na provincia da Coruña entre dous mil e dous mil dez. É o que hai. Xa o sabiamos.

 

 

UNHA DE NOMES

Te puede interesar