Os libros prohibidos

Unha das escenas máis abraiantes da película O nome da rosa baseada no libro de Umberto Eco é cando o franciscano Guillerme e o seu aio atopan a biblioteca segreda daquela badía do norde de Italia, naquel crítico transo da Alta á Baixa Idade Media. Aquel fío de Ariadna que ía ceibando o mozo para non se perder nunha das bibliotecas máis importantes da humanidade, biblioteca que a Igrexa tiña secuestrada para manter ao pobo na ignorancia, ( unha das súas funcións máis sobranceiras que non se ten avaliado dabondo) é todo un símbolo do mestre de semiótica que é o Eco. Tendo en conta que o fío era o da súa saia franciscana co que se ía espindo a medida que se adentraba no universo borxiano. (Chisco de Eco á pobreza da Igrexa ao non ser Cristo dono das súas vestiduras?).
É emocionante o descubrimento de libros que se tiñan por perdidos ou que, ao dicir da Igrexa no poder, endexamais foran escritos, como moitos de Aristóteles. Con aqueles fermosas iluminacións que levaba tantas horas de adicación e engaiolaban a ialma dos lectores e incluso dos analfabetos! 
Máis emocionante aínda o encontro co Venerabel Xurxo, aquel abade cego e ciumento do saber, xostregador da intolerancia daquel Estado europeo que era a Igrexa. Capaz de matar co veleno nos libros para confiscarlle o saber ao pobo, para se protexer da ciencia nacente e do libre exame. Cantos Venerabeis Xurxos campan hoxe polos cumios do poder!.
O Venerabel Xurxo, gardador dos libros prohibidos, para roubarlle o saber da Antigüidade ao Renacemento! Que distinto do San Xurxo, matador do dragón que agocha o tesouro, nas mitoloxías do mundo! Estarrezo de ver a queima da biblioteca que, como a de Alexandría e a de tantas, aínda ben non sabemos qué atraso trouxo ao noso desenvolvemento humano! Hai tanta emoción sabia nesta novela...
Xunto á lembranza da revolución máis fermosa do mundo, a dos cravos da Grândola, Vila Morena, na que ollos humanos vimos unha escena de realismo máxico do tamaño do Gabo, desfilar os tanques polas folgadas rúas cunha frol no canón, para botar abaixo a un ditador. Esta semana de árbores sabias en papel de prelo, de letras e cantigas a redor da sabiduría ou da ignorancia impresa. 
Esta semana de agasallos nas librerías, de feiras de libro,  ebooks e clubes de lectura. Esta semana dunha agre vida escura, de ameazas e medos, de pisamainiños e pousafoles, de best sellers e multinacionais da letra, de escritores de pantalla, vendedores ao por meirande...Esta semana non é preciso prohibir a lectura, nin os libros, nin pechar bibliotecas segredas, nin queimar libros perigosos... nin crear unha editorial con letra nano... 
Esta semana son tempos do Venerabel Xurxo, onde no balbordo do papel prelado ou non, o esencial (como dicía o Principiño) segue a ser invisibel aos ollos. Quen lle ía dicir ao Venerabel que habería un tempo no que non sería preciso prohibir nin agochar para manter ao pobo na ignorancia! 
Quen lle ía dicir que bastaría coas pantallas da pseudovida do Tuiavii de Tiavea e o bombardeo de datos combustibeis do Fahrenheit para que a xente teña a sensación de que pensa sen pensar, de que se move sen se mover realmente. Porque os datos desta natureza non mudan. 
Dálles materias doadas e chilindrainas para entretelos, mais non lle deas datos cerneiros, non vaian a atar cabos. Porque do cravo, como da rosa, só fica seu nome!.E malia os nominalistas medievais, o nome non fai a cousa!

Os libros prohibidos

Te puede interesar