Mellor a vella política de Albor

Nestes últimos meses temos asistido á aterraxe na xestión diaria do que deu en chamarse “nova política”. Nos concellos, como Ferrol, A Coruña ou Santiago, xa puidemos ver o que ofrecían: sectarismo, parálise e moitos xestos cara á galería para tapar a ausencia de xestión. No Parlamento de Galicia, o populismo disfrazado de nova política trouxo descortesía, insultos e actitude destrutiva. A política do non.
E esa estratexia do non chegou ao paroxismo, coa entrada da suposta “nova política” ás Cortes Xerais. Tan alto foi o nivel de xestos, fotos e eslóganes e tan baixo o de diálogo, propostas e vontade de construír que obrigouse, por primeira vez en España, a repetir unas eleccións xerais, porque os que perderon as eleccións decidiron non respectar os resultados.
Grazas á “nova política” chegou o que nunca pasara antes: a parálise. Hai xa 35 anos, o presidente Xerardo Fernández Albor, gobernou na primeira lexislatura de Galicia con 26 escanos de 71. Tivo que chegar a acordos, pero gobernou.
E aquela lexislatura pechouse con esta declaración do presidente Albor dende a tribuna do hemiciclo: “Antes de que a súa señoría remate esta sesión, só dúas palabras para dar as grazas a todos os deputados pola cortesía que sempre tiveron co goberno, non exenta da dureza parlamentaria que en ocasións é necesaria. No meu caso persoal quería que quedase constancia do agarimo co que fun tratado, do respecto institucional e sobre todo do exemplo que deron todos os deputados neste amor a Galicia”.
Parece que pasaron tres séculos desas palabras e só pasaron tres décadas. Tres décadas nas que moitas cousas foron a peor na política. Entón, ao gañador das eleccións, aínda en minoría, se lle daba a oportunidade de gobernar. Hoxe, a Mariano Rajoy, con 123 deputados, se lle negou dende o principio.
Entón o presidente Albor agradecía aos grupos da oposición a súa cortesía e o seu respecto institucional. Nesta lexislatura en Galicia ningún dos líderes dos grupos da oposición foi saudar ao Presidente no día da súa investidura. E agradecía o presidente Albor a todos os deputados o seu amor por Galicia. Hoxe, temos deputados con tan pouco amor polo seu país que foron capaces de obrigarlle a repetir as eleccións con tal de non dar un paso atrás. Polo tanto, se isto é a nova política, permitídeme que me quede coa vella. Coa política en positivo e a favor do presidente Albor.
 

Mellor a vella política de Albor

Te puede interesar