san Lourenzo vaise entre fogos de máxicas colores a rachar o ceo. Vendaval de luces reflectidas na ría, abrindo mil camiños no escuro horizonte. Estoupidos mesturados co ladrido de cans e o rechío de gaivotas a competir na noite...
O san Lourenzo marcha entre o balbordo do xentío na ribeira e o acougo de lanchas e botes en Tupide. Entre o fume que o noroeste empuxa cara o San Bartolo e o retrouso do coro de voces que afoga a súa soidade con gin tonic. Vaise... e os namorados, na Rapadoira, procuran o setestrelo.
Arrimado á cancela, a medio abrir, contemplo o espectáculo desde o Mañente que aloumiña lembranzas e ausencias. E navego na saudade de voces, de risos, de afagos... que acompaña o silencio no que, paseniño, se mergulla a noite.
Entre as liñas dun pentagrama cuberto de silencios de corcheas, fusas e semifusas lisca o tempo. Unha... dúas... badaladas. Pecho a cancela.