Hai algúns días, os xornais destacaban que o xornalista británico Paul Mason auguraba que o capitalismo neoliberal está próximo ao seu fin. Afirma que este será substituído por un modelo cooperativo, grazas a unha renda básica universal, duns 9.000 euros/ano, e que cada persoa decidirá como será a súa existencia. Semella bonito, especialmente para todos e todas aqueles que non teñen emprego, ou que despois de traballar 50 horas á semana non chegan a esa cantidade, por non falar daqueles que viven nos países periféricos, dependentes, que son a maioría da humanidade.
A hipótese anterior non é nova. Dende o inicio da revolución informacional teorízase sobre o fin do traballo. Porén, na práctica, cada día trabállanse máis horas, a un maior ritmo, e incorporouse ao mercado laboral unha proporción maior da poboación. Entón, porque a tendencia ía ser distinta agora? Ademais, se a xente ten garantida unha renda básica só por nacer, como el e outros propoñen, o lóxico é que baixe a proporción daqueles que participan do traballo necesario, sexa porque non lles apetece ou por carecer de incentivo, afectando os recursos dispoñíbeis.
Por outra banda, non se pode ignorar que tanto a economía como o mercado laboral están globalizados polo que, de se adoptar a renda básica nun país cun ingreso moi alto, non habería fronteiras que puidesen impedir a entrada masiva de inmigrantes, rachando o equilibrio orzamentario.
Por máis que os espellismos sexan moi atractivos, o certo é que o traballo segue sendo central, sempre o será para os seres vivos, e a produción de bens está condicionada polo esforzo colectivo. Hai excepcións humanitarias: as persoas dependentes, ben sexa por idade ou por limitacións físicas ou psicolóxicas. Non sendo así, o xusto, o progresista, é que a toda persoa se lle garanta traballo, público ou privado, e un salario digno.
E para que isto se estenda a toda a humanidade, cómpre rematar co imperialismo, a explotación, e que os países máis avanzados apoien solidariamente os que veñen detrás. E isto non se conquistará gratis. Necesita de organización, mobilización, loita no eido das ideas. Non hai milagres.