Isto fora no remate do congreso do Pen Clube de setembro de 1993. Aquel no que aparecera, arrodeado de escoltas, Salman Rushdie, e Torrente e Saramago fixeran xenial “dueto”. Pois ben, a cea que clausuraba as xornadas, polas que tamén andiveran Jorge Amado e Nélida Piñón tivera lugar no santiagués Pazo de San Lourenzo. Propiedade da familia de Fabiola de Mora e do que fala Rosalía nun poema.
O banquete fora no claustro, de maneira que as autoridades estaban no centro e os escritores nos corredores laterais. De maneira que nós (eu estaba sentado con Xavier Alcalá e unha moldava da que non lembro o nome) escoitabamos, pero non víamos, aos oradores á hora das sobremesas. Un deles, por suposto, o daquela presidente da Xunta, don Manuel Fraga. Quen leu o seu discurso en inglés (tal vez tamén en alemán, non estou seguro) con máis vontade que boa definición fonética.
Logo falou en español e, por fin, en galego. E aquí veu a sorpresa, porque o vilalbés apenas dixo as primeiras palabras na nosa lingua comezou chorar en torrenteira. En auténtica fervenza. Nada de “sniff, sniff”, non, “bua,bua”. Fraga, cocón de demócratas e galeguistas cando ministraba Información e Turismo en tempos de Franco agora era un vellote sensibilisímo no referido ao idioma de Galicia, polo que –ao ben visto– devecía. Isto escoitei aquela noite e como tal, á hora do “gori-gori”, debo dicilo.