Españois coma ti

Algúns de vostedes recordarán aínda o eslogan “Galegos coma ti” con que o candidato de AP, Fernández Albor, fora aupado no seu momento á presidencia da Xunta co apadriñamento de Fraga Iribarne. Pero diso xa van alá máis de trinta anos. O eslogan, debemos recoñecelo, cumpría o efecto sedutor necesario para certo sector da poboación susceptíbel de os poder votar e, máis que nada, afianzaba a idea integradora que se lle presupuña ao partido, que tentaba inculcar algo máis que a básica ideoloxía da vella dereita centralista, introducindo estoutra vocación novidosa, agora de tintes autonomistas.
Traemos a colación, a este respecto, o que acontece agora co xentilicio ‘español’, e as connotacións por el achegadas, ao estar ultimamente de novo en boca de grande parte da poboación.
Os medios de comunicación recórdano case a diario e, máis se cabe, a partir das ínfulas secesionistas dunha parte do arco político e social catalán, con todos os matices que tal solicitude (a cuestión do referendo) pode conlevar. Unha forma de tensar a corda, desde o noso modesto punto de vista, de lanzar un órdago cuxa mensaxe haberá de desembocar, se cadra, nalgunha sorte de concesión á comunidade catalá, a cal poderá chegar a ter maior ou menor calado, e máis nada.
Sempre houbo xente disposta a rachar as vestiduras con bastante máis prontitude que outra, en tratándose deste tipo de asuntos. O máis habitual é que isto suceda só no plano dialéctico, caso de que falemos, claro está, de sistemas democráticos como o noso actual, e non tanto no plano real do día a día, de modo que o sangue, por fortuna, non acostuma chegar ao río. E mellor será que o mecanismo dialéctico perdure por ben tempo, xa que o seu contrario pinta moi feo, susceptíbel de nos poder conducir á lei da selva, como nos demostra a historia, levándonos, p.e., ao alzamento militar do xeneral Franco e ás terribilísimas consecuencias que se sucederon durante case catro décadas de ignominia. Vista a senda que están a tomar as cousas, certos indicios actuais lévannos a mirar a ese pasado non demasiado lonxe, sobre todo a teor das últimas ‘boutades’ regresivas do goberno en asunto lexislativo (laboral, seguranza pública, educativa, etc.), contrarias ao máis elemental sentido dialéctico, tanto pola mordaza imposta no parlamento como na rúa, logo de obviaren o clamor das protestas, que son cada vez máis frecuentes.
Mais queriamos recalar outra volta no aspecto que atinxe ao sentimento de ser español. Que en asunto de sentimento deberiamos ser –polo menos a lóxica así nolo fai ver– unha miga máis soberanos. Os casamentos á forza ou por comenencia, se ben poden existir no momento actual, non son a tónica xeral nin o máis frecuente no noso tipo de sociedade occidental cando menos. Aludían os portugueses ao proverbio: “De Espanha nem bom vento nem bom casamento”. Que xa se sabe como acostumamos a ser entre veciños, tanto aquí como na China.
Pensemos nós a respecto dos franceses ou dos ingleses, e viceversa, e recapacitemos acerca de cales son ou foron as razóns. Por iso que talvez o escepticismo sexa o mellor balcón desde o que observar o que está a acontecer co manido asunto, torpemente chamado por alguén de “España contra Cataluña”.
A sacrosanta Constitución, sabémolo, impide referendos de cariz secesionista, pero non é menos certo que o clamor dun amplo espectro da sociedade catalá o está a demandar.
Polo que, se cadra, tanto ou máis torpe até pode ser o feito de chegar a prohibir un plebiscito por parte do goberno de España que nin sequera ha de ter carácter vinculante.
É ben curioso observar como moitos dos que presumen de forma tan rotunda de seren españois, e non teñen reparo en exhibilo publicamente con orgullo, resultan ser en moitas ocasións os patriotas máis falsos. Evasores de impostos, desfalcadores, piratas saqueadores, en fin, das arcas públicas, caso dos Díaz Ferrán, Bárcenas, Blesa ou Urdangarín, locen con petulancia as cores da bandeira española en pulseiras e toda sorte de indumentos. A nova Lei de Seguranza Cidadá fala de sancionar a aldraxe aos símbolos de España. Que maior simbolización da aldraxe que esa! Presumir de ser españois e difamar desa maneira a aquela de que tanto presumen, alén de ao resto de honrados cidadáns españois que, se cadra, sen necesidade de tanta presunción, sofren a afronta destes “moi españois” salteadores de camiños.   
A falta de amplitude de miras sobre a posibilidade doutra visión de España faise notoria. Así pois, resulta inaudito como o Ministerio de Economía rexeita, p.e., certificados e documentación en galego para unha bolsa predoutoral, e admite legalmente que poidan ser presentadas en inglés. É, simplemente, vergoñento, alén de denigrante. Os que non sentimos un orgullo especial polo feito de sermos españois, pero exercemos de bos cidadáns contribuíndo á facenda pública, ben pensado até somos os máis patriotas. E se cadra sexa a solución: virarmos a tortilla para así poder sentirnos tan españois coma eles.

 

Españois coma ti

Te puede interesar