Covid en agudo

Todas as persoas de idade superior aos trinta e cinco anos -se cadra tamén algunha algo menor- lembramos, sen dúbida, Cobi, aquel deseño dun can de raza pastor catalán -un gos d’atura, que din eles-, realizado por Javier Mariscal, que foi mascota dos Xogos Olímpicos de Barcelona de 1992. Segundo se explicou na altura, o nome Cobi procedía de COOB, sigla do Comité Organizador das Olimpiadas de Barcelona. A escolla fora polémica mais acabaría por callar. De feito eu aínda debo conservar -non sei onde- o pin que lucía na lapela das americanas que, neses anos, adoitaba utilizar. Cobi é palabra grave acabada en vogal, polo que non leva til. Dun tempo a esta parte, e varias veces ao día, sempre que escoito a palabra COVID pronunciada de xeito grave, venme á cabeza ese antropomórfico can. Como sabemos, o termo con que se denomina o axente causante da pandemia que, como mínimo, nos preocupa seriamente é acrónimo de COronaVIrus Disease, obviamente, de xénese inglesa. Os angloparlantes pronúnciana grave, mais nós, espontaneamente, adoitamos axeitar os termos estranxeiros ao patrón acentual maioritario das palabras con estructura similar, que neste caso sería con acento na última sílaba. Así esquecería o canciño. 

Covid en agudo

Te puede interesar