Unha vía para facer país

Vivimos en tempos de reaxuste a todos os niveis. Comezando pola disputa entre os Estados Unidos e aliados, por unha banda, e pola outra China e Rusia, máis algunhas potencias rexionais. Unha confrontación que é consubstancial co sistema capitalista, unha vez que non hai novos territorios por explorar, e as materias primas e recursos enerxéticos amosan os seus límites temporais. 
Un enfrontamento que se dá no ámbito económico, militar, financeiro e moi especialmente nos medios de comunicación, pola importancia que ten a loita no eido das ideas. Neste reaxuste, van perdendo os países pequenos. Especialmente os que carecen de soberanía, aínda que sexa formal (como Galiza), e as clases populares, moi especialmente a clase obreira (perda do poder adquisitivo dos salarios, precariedade, aumento da xornada real e dos ritmos de traballo). 
Neste contexto foi unha iniciativa positiva que se agrupasen organizacións do ámbito laboral e social en Vía Galega. Realizaron o pasado fin de semana o acto de presentación. 
Suso Seixo, que fixo de portavoz, argumentaba no acto: “que Vía Galega non ten entre as súas finalidades disputar o espazo electoral, nen ocupar o lugar de ninguén, senón que nace co único propósito de traballar por unha Galiza onde as nosas clases populares poidan ter un posto de traballo e unhas condicións de vida dignas e vivir con normalidade na nosa lingua, e que podamos exercer libremente o dereito de autodeterminación”. Ou sexa, esixencias coas que todos e todas debemos coincidir e que deberían contar cun apoio importante.  
 Non se pode obviar que esta iniciativa ten por diante, cando menos, tres retos a termos en consideración. O primeiro, que o aspecto nacional e de clase posúan a mesma importancia no programa, no discurso e nas accións que se realicen, máxime sendo estas contradicións interdependentes. 
Segundo, que é máis doado facer unha presentación que dar vida a unha alianza deste tipo: campañas, actos, e temas a instalar na sociedade. Terceiro, e fundamental, sumar milleiros de persoas das clases populares ao proxecto. Neste aspecto ten un valor transcendental conseguir acordos, ou cando menos unha aproximación, con aqueles sectores do nacionalismo que teñen como referencia a forzas distintas do BNG. Sei que non é doado, que pesa a comodidade da omisión mutua ou agrandar os conflitos do pasado. Porén, de non ser posíbel, que cada quen asuma a súa responsabilidade política. Os sectarismos e incoherencias deben ser evidentes para o povo. 

Unha vía para facer país

Te puede interesar