Xuntos

A xunta de voceiros de Ferrol está servindo para unir esforzos e chegar a acordos, que redundan en beneficio da cidadanía. Lonxe do ruído das altas esferas políticas, cada quen está a poñer o mellor do seu para facer xuntos este camiño nesta situación que, seguramente, proseguirá varios meses, aínda que o estado de alarma sexa anulado. Hai incertezas para o futuro próximo pero todas e todos xa temos asumido que isto aínda ten percorrido.

O área de benestar social, encabezada pola concelleira Eva Martínez, é agora a prioridade en Ferrol. Asistir á xente máis necesitada e a aquelas familias, que - van sumándose - nun incesante goteo, necesitan do arroupe de todos. Dar liquidez ás pequenas e medias empresas, así como aos autónomos, axilizando os pagos do Concello, son os eixos sobre os que traballan as catro forzas políticas que conforman a actual corporación, así como novas medidas que virán tomadas por consenso.

Do mesmo xeito que se fala dun plan de reconstrución económico e social do país, debería ser máis doado falar dun gran acordo, orzamentos incluídos, polo conxunto das vinte e cinco concelleiras e concelleiros de Ferrol. Claro que algúns deberán illarse dese ruído e desas consignas partidarias que buscan combater ao goberno Sánchez, en vez de ir contra os efectos na nosa saúde e na nosa economía do Covid-19.

Pero, en Ferrol – como en cada concello – as cousas son moito máis simples, é impensable non arrimar o ombro. Se unha cousa ten esta pandemia é que a temos tan cerca, que está a carón ou dentro da nosa propia casa. Non hai escusa. Seguro que o alcalde Ángel Mato está traballando por un gran acordo por Ferrol, hoxe non hai maior proxecto de cidade que saír e para ben desta situación, xuntos, sen deixar a ninguén atrás.

Xuntos

Te puede interesar