Entón, que facermos?

Nesta primavera que se di verán. Neste serán aveciñado coa noite. Que facermos? Cando o bramido da tronada agacha a chuvia que bate contra os vidros. Que se derrama entre as pólas da cerdeira e fai cantar aos lamigueiros. Que reverdece no recandeo dos castiñeiros. Que oculta o horizonte. Silencia o rechouchío dos paxaros... 
Que facermos? Acougarmos baixo a nogueira? Deixarmos que a auga esvare sobre a cabeza e coa súa frescura empape o corpo? Contemplarmos o Masma que se insinúa entre a brétema ? Escoitarmos o silencio ? Abraiármonos ante o estrondo que fai tremer as paredes?
O Pico da lebre é un nubeiro. A Granda sinfonía de eucaliptos a bailar co vendaval. O souto recanto de paz. Un lóstrego atravesa o ceo... Ao lonxe repenica o trono.  Poño un pé na aira. Escoito a sinfonía da auga que agora, mansamente, se deita sobre a parra, as roseiras e a herba... 
 

Entón, que facermos?

Te puede interesar