ONTE

Onde chega o amor,
chega a preamar da vida.


Din alí ( eu non sei onde): “Quen pensa no pasado, se os pensamentos son puros, pensa tamén no futuro”.
Semella ser onte, nembargantes foi antonte. Era en Chamoso entre Barallobre e Maniños, que mais ten a parroquia do concello de Fene. Cerca da pirotécnia de Prismos, da corredoira da Capacheira que con dificultades levaba até Laraxe, dos lugares de Romarís e A Loira, atalaias dende as que se divisaba a ría, as lanchas de vela e as de pasaxeiros, ir e vir dende Ferrol, Mugardos, O Seixo, Maniños e Perlío.
Mesmo ao pé onde hoxe o polígono industrial de Vilar de Colo, o cemiterio municipal no Campodarca . Alí, naquela encrucillada de camiños –daquela de terra– fronte ao forno da señora Petra, que tamén tiña muíño alimentado polo río Va ou Vao, río troiteiro daquela, que atravesaba os prados dos Raidoiros.
Chamoso, onde concertabamos as quedadas os rapaces da contorna. Xogabamos á pelota, á billarda, a roelo pau, á galopa e tanto mais. Todos xogos de movemento. Ás veces soñabamos con monstros de tres cabezas e bruxas acabalando unha escoba.
As rapazas non ían por alí xogar con nós. Daquela eran tempos de “Los niños con los niños y las niñas…”, aínda que, tanto elas como nós sabiamos onde atoparnos, por parella, ou en grupo.
Daquela non existía a informática, non tiñamos teléfono e a radio comezaba a soar na casa dalgún rico. Os libros quen os tivera! Os que tiñamos da escola dicían moitas parvadas, quero dicir, non contaban a verdade.
Daquela había unha cultura afín á dictadura preparada para intentar facernos parvos, que non éramos  para nada. Había xente que dicía que os bebés viñan de París traídos por unha cigoña, mais nós, sabiamos da gran mentira e de tantas máis. Non chuchabamos o dedo. Érache boa Vilaboa!!
Como aínda non chegaran ás nosas mans as enciclopedias, nin Internet e outros enxeños de hoxe, os nosos consultores eran os rapaces maiores (os espabilados, claro está, xa que algúns miñas xoias…). No descanso do xogo  ou ao remate tiñamos un tempo indeterminado de clase con temas misturados.
Unhos sabían e falaban de paxaros e nidos, outros de pesca, de fútbol, ou da guerra civil (moi baixiño). Sobre sexo falaba o Lolo, que de mulleres sabía moito xa que tivera varios noivados.
Era o “mestre” que máis adeptos tiña. “Avó” era o alcume que máis lle gustaba, aínda que tamén lle diciamos “Veterano” e “Padriño”. Que boa persoa o Lolo; canto dicía ía á misa. Con respecto á súa especial sabencia confiabamos máis nel que nos profesores, no señor cura e nos propios pais, pois de sexo non querían falar. É cousa de maiores, ademais é pecado, dicían. Vaites!! Nembargantes o Lolo nunca nos dixo tal.
Só falaba para maiores de 12 anos. Os nenos ide xogar o aro, ou pillar grilos, anque ás escondidas algún se colaba. Dicía que ás mulleres había que amalas moito e ben,  e que había que respectalas sempre, sempre, repetía con énfase.
Antes de entrar en quintas foise para Venezuela. Dicía que a vida militar nada producía ao país. Embarcara no porto de Vigo nun transatlántico da Mala Real Inglesa, que eu ben lle vin os papeis que lle arreglara Jacobo o Embarcador; deixáralle o diñeiro o señor Ambrosio, seu padriño.
Fómolo despedir á estación do tren de Barallobre e máis de un vertemos bágoas de tristura. Disque gañou moito diñeiro ao que lle deu boa saída. Algúns aínda te lembramos e te agradecemos as clases, principalmente cando nos dicías (ás caladiñas) : Loitade pola liberdade.
Cando eu neno fórase moita xente para países extranxeiros na busca dun traballo co que vivir decentemente e fuxir dos caciques do momento. Hoxe ao igual que onte, en Galicia, nosa terra desexada e amada os caciques seguen a caciquear xa conectados a Internet, algúns máis preparados (para facer mal) pero coma os de onte co corazón de pedra de seixo, pensando en abasallar para facer máis fortuna á conta dos traballadores. Canta inxustiza nesta terra, onte e hoxe!!
“A miña terra n-e miña” dixo Rosalía de Castro. Unha pouca dos de aquí, unha moita dos de alá, e o resto dos banqueiros. Caciques, que tamén morren e irán a un buraco onde nin o vento lles renderá reverencia…
Chamoso, mesmo alí na encrucillada na que dende a década dos corenta (1941) houbera xa un pequeno polígono industrial cerca de onde agora está o de Vilar do Colo, onde unha emprendedora familia, os Vizoso García tiñan forno público, taller de bordado e xastraría.
Boa xente aquela familia da señora Petra (Os pistoleros) que para os rapaces que por alí argallabamos e soñabamos, sempre, á parte de simpatía, tiñan boas ravanadas de pan e mancheas de froita. Tempos aqueles que eu non boto de menos, salvo pola xuventude que se foi e pola camaradería.

 

ONTE

Te puede interesar