Noite de jazz

|

ai momentos que por unha razón ou outra fánse especiais, rachan coa monotonía que moitas veces nos embarga e fannos sentir mellor animicamente. 
Na  noite do venres en Mugardos ocurriu isto cando un bo número de xente achegámonos a escoitar a música de jazz que Manuel Gutiérrez Trío íanos ofrecer nunha noite de agosto case posta aí a propósito: temperatura , asistencia e música nunha triloxía ideal. Denantes, polo serán,  atopei cun amigo que me dicía que o mesmo asistía ao concerto pero que a él non lle gustaba o jazz porque non o entendía. Non é cuestión de entendimento díxenlle; o tema consiste en entregarse absolutamente á música, pechar os ollos e deixarse levar por ela sen resistencia a onde ela desexe chegar. Isto sempre doume resultado no que concirne á miña relación coa música.
Paso a comentar o concerto. En primerio lugar direi que foi unha sorpresa para min escoitar por primeira vez en directo a Manuel Gutiérrez, comprobar a súa solvencia e o perfecto maridaxe que establece co teclado do piano. 
Así, de súpeto, logo dos dous primeiros temas, podíamos xa decatarmonos que estabamos diante dun músico con oficio e con moito talento. A súa capacidade interpretativa hai que engadir a súa facultade creativa pois as pezas que interpretou son composicións propias o que representa un valor engadido ao concerto. Por momentos, do piano estimulado polas mans de Manuel Gutíerrez, xurdían fervenzas de notas que se ían pendurando sobre a columna vertebral que representaba o contrabaixo e a batería, aluvións de escalas cuxas notas semellaban loitar para acadar espazo no maxín do músico e non perder así a oportunidade de estar aí formando parte dunha belida composición. Virtuosismo a gran escala que se pode acadar meirande moitas horas de estudo facendo que cada nota ocupe o seu lugar axeitado, pero se tivese que quedarme con algo que chegue ao máis fondo do sentimento elixiría as baladas que Manuel Gutiérrez nos ofreceu onde as notas son as que son, as xustas, nin unha máis nin una menos, esas que fan estremecer e espertar as emocións que un leva dentro. Unha peza, a titulada “Alén do Mar” (falo de mémoria e o mesmo non acerto co título correcto) foi a que puxo a guinda sentimental e melancólica neste delicioso pastel. 
Música grande, a gran escala, foi a que escoitamos a noite do venres en Mugardos xurdida dun músico galego con moita clase e talento, unha música que cincela paseniñamente, de vagar, os recunchos máis fondos da nosa sensibilidade. Abofé..

Noite de jazz