O apetito desmedido de querer mandar constitúe un trauma persoal e o Arcebispo de Madrid padéceo, provocándolle xordeira para todo o que non é do seu interese ou non está preparado e programado previamente por el. Non lle interesan as opinións de ninguén. Está tan obsesionado co seu propio proxecto que non perde tempo en escoitar as palabras do bispo de Roma, Francisco, que acaba de dicir que a credibilidade da Igrexa estase botando a perder polas incoherencias de todos; dos fieis e das xerarquías. En cambio Rouco mira para fóra e só encrontra o mal na sociedade, sobre todo nos laicos, nos gobernantes e nalgunhas leis que regulan a moralidade humana. Autista profundo, o mesmo día que Francisco alentaba a todos a tomar en serio a corresponsabilidade como membros da Igrexa, Rouco arremetía contra os medios de comunicación pretendendo matar o mensaxeiro.
Os xornais e os medios de comunicación precisan vixiancia, pensa el. Pero non se quedou aí senón que, arroupado aínda como Presidente da C. Episcopal, impúxolle a Rajoy uns deberes. Nada menos que a derrogación da lei de despenalización do aborto. Porque, segundo Rouco, os poderes civies, que no S. XIII foran sometidos ao Papado por Inocencio III, continúan aínda agora debéndolle obediencia cega á Igraxa.
Semella que a separación de poderes, a democracia e a liberdade de conciencia son meros adornos na nosa Constitución.
O Arcebispo esquece que xa o Concilio se pronunciara a favor da autonomía da sociedade, considerando que a liberdade de conciencia e unha prerrogativa inalienable de todas as persoas. E non por casualidade esta arroutada roquiana coincidiu en día e hora co encontro que o Presidente do Goberno mantivo en Roma co Papa.
Rouco quere deixar antes de irse a súa impronta. Menos mal que para a Igrexa e para sociedade española esta posta en escea do Presidente da Conferencia Episcopal pode significar algo así coma o canto do cisne. A data da súa xubilación está á porta, en todo caso antes de un ano.