Ó redor de 70.000 persoas están afectadas de alzhéimer en Galicia. E, delas, 4.000 viven nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Poida que coñezas a algunha. Que sexa a túa nai. O teu pai. O teu curmán. Unha veciña. Un compañeiro do colexio. Quen che vendeu de sempre o pan… que chegues a ser ti. Porque o alzhéimer, se algo ten, é que non discrimina. Non coñece de sexo, raza ou condición. E vai a máis. Tanto, como a esperanza de vida.
70.000 persoas son moitas. Nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, 4.000 persoas son moitas, moitísimas. O problema ó falar de números é que se quedan niso moitas veces. 4.000 persoas son tantas como a poboación de San Sadurniño e Moeche xuntas.
Pero aínda peor é pensar que, detrás desas 4.000 persoas, hai nomes. Hai caras. Hai historias vitais. Que se están a perder. Porque o alzhéimer esnaquiza recordos. Vivencias. Vai arrebatándolle a un a súa identidade. O máis fondo. Esquecemos quen somos e ó que temos ó lado.
Esquecemos para que sirve unha culler. Onde está a cociña. Como se pon un pantalón… E sentímonos impotentes. Illados en moitos casos.
E se terrible é a situación para tantas persoas, pensade que xunto a eses 70.000 galegos e galegas estímase que están 200.000 coidadores e coidadoras. Iso xa supera a poboación de Ferrol e Narón xuntas.
Tamén 200.000 nomes. Caras e historias vitais. Fillas que se convirten en nais dos seus pais. Netos que non entenden porque os avós non lembran os seus nomes. Homes e mulleres que perden un pouco ou moito da súa vida por coidar a do outro. Que perden amizades, relacións… que se perden a sí mesmos.
Hai case que 20 anos nacía AFAL como unha asociación de familias. Familias afectadas polo alzhéimer. Porque tanto sofre a enfermidade o enfermo como o coidador e os seus seres queridos. Daquela o alzhéimer era unha doenza prácticamente descoñecida e, sobre todo, moi estigmatizada. Meu pai non ten iso. Só despistes. E que é maior e vaise esquecendo das cousas. Eu non abandono á miña nai nun centro.
Eran, e aínda o son, frases demasiado recurrentes. E, a base de repetilas, parecían verdades. Que non o son.
Porque é moi importante detectar a enfermidade dende as súas fases iniciais. Porque aínda que non hai cura, si tratamento. Tanto farmacolóxico como non farmacolóxico.
Isto último, terapias para mellorar a calidade de vida dos enfermos e tamén retrasar o avance da doenza. Porque os centros de día son lugares onde os usuarios reciben a mellor atención. Onde están activos e traballan as súas capacidades. Onde se relacionan con outras persoas que están a pasar o mesmo. Onde as familias teñen espazos para compartir as súas experiencias. Onde consultar trámites e recibir apoio psicolóxico. Asesoramento sobre como tratar ó enfermo…
Hoxe, 21 de setembro, conmemoramos o Día Mundial da enfermidade baixo o lema “Marcándolle o paso ó Alzheimer”. Porque cada día temos que facelo. Non nos rendimos. Loitamos contra esta dura enfermidade e loitaremos e, namentras que haxa cura, seguiremos prestando atención ás persoas afectadas, enfermos e coidadores. E, hoxe, ó igual que os 365 días do ano, queremos dicilo. Alto e claro. AFAL está pór e para vós.
* Ana M. López é presidenta de
Afal Ferrolterra