Penso que non hai mellor maneira de celebrar algo que recorrendo á música, e nesta ocasión conmemorábase o XXV aniversario da fundación da UDC coa presenza no auditorio de Ferrol da Orquestra Sinfónica de Galicia cun programa francamente orixinal que espertou a curiosidade dun público cuxa presenza masiva no espléndido recinto realzou o acontecemento. Dos tres compositores: Claudio Monteverdi, Hans Abrahamsen e Ottorino Respighi quizais fose o primeiro o máis coñecido para un público melómano, si, pero non moi erudito, como é o meu caso. Unha orquestra ao completo e máis obrigou aos técnicos a retirar atrás a cuncha acústica co gallo de gañar espazo escénico. Pois nin con esas, e mira que o escenario do auditorio éche ben amplo. Diante de tanta profusión de músicos intuímos que íamos a escoitar algo grande: e así foi. Abriu o concerto Claudio Monteverdi, un músico que está na transición do Renacemento ao Barroco, un dos pais da ópera pero que nesta ocasión achegábase como madrigalista. Ao seren mestre de coro da catedral de San Marcos de Venecia doulle pe para compor un feixe de madrigais coma estes “Vésperas-Ave Marís Stella” que escoitamos especificamente arranxados para quinteto de metais. As veces resulta arriscado adaptar para metais pezas que foron compostas para corda, pero nesta ocasión os quintetos estiveron á altura das circunstancias. E de súpeto chegou a sorpresa coa presenza en escena da soprano canadense Bárbara Hannigan que asombrou coa súa interpretación de “Let me tell you” do compositor danés Hans Abrahamsen, unha peza dedicada a ela precisamente. E a min non me sorprendeu pola súa tesitura e calidade vocal, que tamén, se non pola tremenda dificultade da súa interpretación encadrada no que se dou en chamar música contemporánea. A obra tivo a súa estrea o 13 de decembro de 2013 pola Philharmónica de Berlín e a propia Bárbara Hannigan. Trátase dunha música que se crava na sensibilidade coma as espiñas dunha rosa na pel, sons case dolorosos cheos de frases aparentemente inconexas ás que o ouvido precisa acostumarse, pródigas en disonancias sincopadas nos que a voz, instrumento solista, camiñaba por sendeiros tortuosos que semellaban non levarnos a ningures. Unha forma case cruel que tivo Hans de complicarlle a vida a Bárbara. Fantástica a interpretación da soprano dunha partitura de máximo risco e dificultade para ela e tamén para a orquestra maxistralmente dirixida por Dima Slobodeniouk. E rematou a festa con Ottorino Respighi, un compositor italiano alumno de Rimsky Korsakov, que admiraba aos músico do Barroco dos que din tiña influenzas. A obra en catro tempos que puxo colofón a este magno concerto foi “Pini di Roma ( Pinos de Roma) que , logo da abstracción anterior, volveu a situar aos espectadores na realidade acostumada. O movemento final “Il pini della Vía Appia”, onde a orquestra amosou a súa potencialidade sonora logo de percorrer compases delicados cheos de sutileza nos tres movementos anteriores , foi espectacular. A música acadou o seu máximo esplendor coas seccións de metais e corda dando de si todo o que podían dar, poñendo de novo en valor a suprema calidade dunha orquestra que, non me cansarei de dicilo, é un orgullo para Galicia e para todos aqueles que amamos este linguaxe universal escrito sobre cinco liñas paralelas: a Música. Felicidades á Universidade polo seu aniversario e aos promotores por esta celebración.