Leo nos xornais a nova dunha xuntanza no Ateneo onde se puxeron de manifesto as inquedanzas de moitos colectivos ferroláns polos problemas que vai crear a peonalización salvaxe na que está empeñado o equipo municipal, á que sen un previo estudo das súas consecuencias pretenden impoñer o próximo ano, poñendo, como se soe dicir, o carro diante dos bois.
Xa teño falado aquí deste tema, expoñendo con máis ou menos acerto as miñas dúbidas con respecto a unha decisión pouco meditada. Hoxe son máis categórico, ¡Non a peonalización!. Ferrol que esmorece un pouco máis tódolos días como consecuencia das crises interna e externa, sen coches convertérase nunha cidade morta, sen xente polas rúas coas consecuencias lóxicas derivadas de tal situación no comercio, na hostalaría, nos colexios, nos taxis,......etc. Si ao tráfico rodado en tódalas rúas da cidade, sen excepción, establecendo unha regulamentación ben estudada por especialistas en circulación, direccións, velocidades, aparcadoiros, horas de carga e descarga......etc. As mentes pensantes do Concello que dediquen os seus esforzos a outros proxectos máis necesarios e urxentes para a cidade que poidan afrontar cos cartos que se aforren.
Non descarto, se é preciso, unha xuntanza cidadá, coches incluídos, na praza de Armas, un dia de pleno do equipo de goberno, co gallo de protestar por unha decisión unilateral que en nada beneficiará á cidade senón todo o contrario. Decisión esta que de ser levada a cabo non fará máis que re-matar un Ferrol que xa está morto dabondo.
Avogo asemade por declarar a Ferrol cidade aberta ao tráfico o que atraería sen dúbida a moita xente que xa hoxe en dia se resiste a ir ao centro ante a falta de aparcamento para os seus vehículos e vai mercar, ou simplemente a pasar o dia á Coruña, por poñer un exemplo real que xa está a acontecer.
Tampouco estaría de máis facer unha enquisa con participación de toda a cidadanía. Non custaría moitos cartos e daría unha idea do sentir dos ferroláns con respecto a tan importante tema. Quer dicir que a solución que se adopte ten que ser co consenso de tódolos cidadáns que son os principais usuarios, beneficiarios ou sufridores, dependendo de como se fagan as cousas.
Non quero pasar por catastrófista, nin sequera por un vello “coñazo” e teimudo, pero é que, ao meu xuízo, está en xogo a existencia de Ferrol e da súa bisbarra, e con iso non se xoga.