Sempre mellor unidos

|

Dende a avenida Josep Tarradellas de Barcelona, recibo outro lote de libros que me envía o amigo Fraga (galego coma eu) afincado en Cataluña desde fai varias décadas, casado con unha catalana que ama a Galicia pero moito máis, lóxico, ama a súa terra de nacemento.
O Fraga, abastece a miña biblioteca de literatura catalana: Joan Romis i Romis, Francesc Fontanella, Joan Alcover, Bartolomeu Roselló, Milà i Fontanals, María Teresa Nolla i Panadés, e tantos máis.
Dicir, que en privado eu tamén leo en catalán, non tan ben como don Xosé María Aznar, claro está.
Escolta, Espanya, –la veu d´un fill /Que et parla en llengua – no castellana; / Parlo en la llengua – que m´ha donat / La terra aspra: / Enquesta llengua – pocs t´han parlat; / En l´altra, massa. (Juan Maragall, Barcelona, 1860-1911).
En Democracia, nin sedición, nin secesión, nin tan  sequera seducción, salvo nunha das súas acepcións, para influír no ánimo das persoas que se atopen en estado de decaemento, como puidera suceder nestes momentos con algúns políticos, non só independentistas.
Estamos cansos de tanto “bombardeo” por todos os medios informativos, da casa e foráneos sobre o problema grave de Cataluña. Tamén, de tantas mentiras e de tanta cabeza cuadrangular que turran contra do aguilón unha e outra vez, sen se decatar o dano que están facendo á poboación civil por defender unha causa, non dese xeito –o lugar é outro–, a DUI, que anque democrático, resulta, como xa está a suceder agora o final dun soño surrealista no que xurde un fero león ó pé da cama, difícil de controlar.
Canso, repito. Agardo e desexo que despois do 21D, se creen as condicións de diálogo por parte de ambos gobernos para chegar a un acordo positivo e duradeiro polo ben de todos. Responsabilidade política. Refacer a convivencia defendendo as diversidades. Os irresponsábeis, máis tarde ou máis cedo acabarán, con perdón, co cu ó remollo, recoñecendo os seus erros cando o mal pode ser unha metástase difícil de curar.
Entre outras cousas, a Democracia é o respecto das ideoloxías de cada quen, mais cando non se respecta a Constitución, e por riba se acusa de canallas e traidores ás persoas que non pensan coma eles, eso xa é fariña doutro saco.
Gran desatino –falo de Cataluña– por parte de políticos provocadores e fanáticos que instigaron ó pobo, incluso dende os colexios, con consignas hipotéticas e utópicas, e mentiras sen piedade e sen gracia algunha que só levan ó desconcerto, e tantas veces, á desfeita da sociedade e da economía.
E logo falan de presos políticos. Serán políticos presos. Desde cando os políticos teñen unha blindaxe que lles permite incumplir as Leis.
Os estragos do procés foron cuantiosos, incalculables, e non tan só económicos a curto e a longo prazo. Eu tamén quero a Cataluña, teño alá bos amigos. Os cataláns, demostrado de sobra, son un pobo loitador, intelixente, cosmopolita, honesta a gran maioría da súa poboación,  con unha historia apaixoante e uns dereitos adquiridos que ninguén lles pode negar, con un futuro prometedor se houber “sentidiño” dos vindeiros gobernantes.
Máis, honorables, “així no”. Como é posible que se chegara a tal barrabasada de chamar fascista e traidor a tan insigne e querido loitador por dicir a verdade. Que pouco saben eses bocaspodres do franquismo e do fascismo? Joan Manuel Serrat, millóns de persoas de todo o mundo estamos contigo.
Volverei en canto a reuma me deixe, a visitar “Lo Parot” en Rocas de Benet, Hortas de Sant Joan, no interior de Tarragona. (Lo Parot, é un olivo de máis de 2000 anos, coñecido como O Pai dos Olivos). E comer cordeiro montañés na Fonda-Hotel Mirelles, cociñado e servido na mesa polo seu dono, don Salvador. Quédame tanto por descubrir de Cataluña.
Xuntos, / sen himnos, / sen bandeiras. / Pola unidade de España.

Sempre mellor unidos