Este termo do crioulo caboverdiano, cuxo significado é “cualidade do que é amable”, penso que é a palabra que mellor define a idiosincrasia das xentes de Cabo Verde, destino escollido este ano para as vacacións estivais por unha necesidade case vital de recibir unha boa ración de sol. O carácter afable dos caboverdianos, xunto co clima, acubilla os recén chegados e contrasta coa aridez do territorio e a falta de recursos que expulsa do país os propios, de aí que máis do dobre da poboación resida fóra do territorio nacional.
O goberno aposta, nos últimos tempos, polo turismo, ese colonizador-predador que, case sempre mal xestionado, expulsa os habitantes do centro das cidades, das súas propias praias, encarece os prezos e nin respecta espazos protexidos. Canto tempo tardará en tocarlle á lingua, o kriol, que grazas á transmisión familiar se mantén como lingua vernácula, como fixo o galego durante moitos séculos. De feito, só empregan a lingua oficial, o portugués, para dirixirse aos foráneos.
Xa en Galicia un sente a Sodade! cantada por Cesária Évora.