Todo indica que a formación pola oposición dun novo Goberno, ou a repetición das eleccións, son opcións que contan, a esta altura, coas mesmas posibilidades. Tamén é evidente que todas as partes están a xogar duro na negociación, o que demostra que coidan que será neste ámbito onde se centre a disputa política, xa que non esperan grandes variacións electorais.
Polo tanto, resulta preocupante, cando menos para as clases populares, que a confrontación de alternativas estea reducida exclusivamente ao eido electoral, no que as corporacións económicas teñen unha inmensa capacidade de presión. Ademais, como os partidos emerxentes sementaron expectativas tan grandes de cambio a través do voto, a mobilización laboral e social reduciuse ao mínimo, aos conflitos locais e sectoriais e ás loitas defensivas. Todo semella ficar supeditado ao “salvador supremo”.
A precariedade laboral, o retroceso democrático, a desigualdade social e a exclusión, seguen a medrar. Asemade, aproxímanse nubes que anuncian unha nova tormenta económica. A corrupción non deixa de inzar e os conflitos armados e o terrorismo son unha ameaza mundial. Unha realidade tan dura terminará ocupando o espazo que merece. Polo tanto, sexa cal for a cor do futuro goberno, verase premido pola sociedade para tomar medidas que fagan xustiza ás clases populares e ás autonomías e nacionalidades que sufriron máis duramente a crise (caso de Galiza).
En poucas palabras, as promesas son unha sepultura política se non se converten en realidades. E isto é certo para PP e PSOE, que poden perder credibilidade, mais moi especialmente para as forzas que queren mudar o sistema ou aspectos del, por máis que hoxe gocen da vantaxe da carencia de antecedentes que valorar, e conten no primeiro ano co engado do novato.
Non son posíbeis cambios significativos no sistema económico e social, nun contexto cun dominio tan forte do capital, que alenta (e se alimenta) da centralización e concentración da riqueza e do poder, se as clases populares (subordinadas) non posúen organizacións fortes, e non impulsan a mobilización permanente, a iniciativa política e a loita no eido das ideas.