Teñen razón os que opinan que a solución adoitada non foi a mellor posible.
O barco, despois de que os políticos, e máis de un indocumentado, tolearan a perdiz, enviouse a ningures non sei con que intención, porque o final estaba cantado.
Non se pode ocultar que fondealo ou mesmo amarralo nun porto de abrigo, tiña o seu risco, pero as autoridades están para tomar decisións importantes, que para iso os nomeamos e lles pagamos.
Á vista do que pasou está claro, sen dúbida ningunha, que esta houbera sido a solución correcta. Negalo é non querer ver a realidade o que se chama en roman paladín mantenella y no enmendalla.
Sábese de barcos que, con grandes avarías, máis importantes que as do “Prestige”, conseguiron chegar a porto navegando ou sendo remolcados moitas millas en condicions extremas de mar e de vento, aplicando a máxima de que... “nunca se debe dar o barco por perdido, para elo todo membro da tripulación dende o capitán ata o ultimo grumete, debe estar firmemente concienciado e convencido de que se o mesmo recibe danos de consideración e non se afunde de inmediato, pode e debe ser salvado pola súa tripulación, por graves que sexan as avarías e por moi difíciles que se presenten as circunstancias”.
Paréceme moi loable a declaración do capitán Pose defendendo ao seu colega Mangouras a quen se quere facer responsable único, cabeza de turco, daquela gran desfeita.
Onde estaban entón e onde están agora os representantes de:
-Estaleiros Cosco de Guangzú, (China).
-Mare Shipping Inc (Liberia), Operador.
-Universe Maritime Ltd. (Grecia), Xestor.
-Crown Resources, (Suiza), propietario da Carga.
-London Steamship Owners Insurance, Aseguradora.
-Sociedad de clasificación, American Bureau of Shipping (ABS) (USA).
Os políticos, como sempre, á caza de oportunidades e de medallas, non fixeron máis que dicir paridas, que agora tratan de xustificar con outras andrómenas, ata que como Pilatos lavaron as mans cando xa as tiñan cheas de petróleo e fuxiron a Madrid, sen que lles caera a cara de vergonza.