Indianos e emigración

 pasada semana tiven ocasión de participar nun evento que xa semella  ben asentado na vila de Ares chamado “ Ares Indiano” no que se representa unha época importante no devir de Galicia en xeral e da nosa contorna en particular:  a dos galegos na diáspora protagonistas daquel éxodo multitudinario de homes cara alén do mar nos albores do século XX dentro dunha emigración masiva provocada por unha miseria endémica que algúns revisionistas quixeron disfrazar  burdamente doutra cousa. Recordamos perfectamente aquel mantra repetido ata a saciedade de que toda aquela saída era producida polo espírito aventureiro consubstancial ao xeito de ser dos galegos. Unha mentira que algúns remataron por crer. Denantes diso, no século XV xa existía unha tendencia por parte das clases humildes a marchar para outros lares cara a outras zonas da Península. Antonio Meixide Pardo xa fala dese éxodo  de miles de campesiños dentro do que él chamou unha emigración temporal que en moitos casos converteuse en definitiva pois a situación do agro galego era caótica.  A emigración a Castela era a máis numerosa e Rosalía de Castro reflictiuno naquel poema: “Castellanos de Castilla/ tratade ben aos galegos...” Os campesiños galegos probes eran probes de solemnidade. No século XIX e albores do XX a emigración galega apunta a Cuba,  Arxentina e tamén a Uruguay. Esta masiva emigración converte aquelas terras nun crisol de ilusións e frustracións pois houbo galegos que conseguiron prosperar e outros viron convertida aquela experiencioa nun absoluto fracaso. O outro día lembramos maiormente aos primeiros, a aqueles que volveron á terra e levantaron nos seus agros chamativas mansións que foron demostración da importante fortuna que ateusoraron, algunhas delas aínda están aí coma mostra daquel éxito indiano. Tamén lembrouse a indiscutible incidencia dalgúns daqueles emigrantes que se converteron en benefactores dotando a súas vilas  de escolas, modernas para aquel tempo, convencidos de que a formación era fundamental para se desenvolver na vida. Nunca Galicia agradecerá o suficiente aquel inxente labor dos seus fillos emigrantes. Ares lembrounos na súa segunda edición do evento “Ares Indiano” cun amplo e ambicioso programa no que tiven a honra de participar xunto ao meu amigo Xavier Alcalá viaxando ao pasado polo túnel do tempo revivindo usos e costumes dos nosos abnegados devanceiros que alén do mar soñaron cunha Galicia mellor.

Indianos e emigración

Te puede interesar