TSIPRAS E RAJOY, RAZÓNS E SOLUCIÓNS

Tsipras ten razón cando afirma que o Estado español e Portugal salientaron no Eurogrupo por manter unha postura inflexíbel. Calquera pode consultar os xornais deses días para comprobar as declaracións de ambos os gobernos. Porén, Rajoy tamén ten un chisco de razón, cando lle contesta que Syriza fixo promesas que non podía cumprir.
Agora ben, esquécese de clarificar que isto non é porque fosen imposíbeis de acadar, por vivir na irrealidade ou sementar espellismos, senón porque se trata dunha vía que naceu morta, se non se abandona a eurozona (como mínimo) e forza unha quita e renegociación da débeda.
Predicar que só con argumentos, o Eurogrupo, o FMI e o BCE ían rebaixar as esixencias a Grecia, esquece a loita de clases.
A Unión Europea dende a súa constitución é funcional aos intereses da alta burguesía e das grandes potencias. E que malia ser aínda extremadamente baixo o medre do PIB da Unión Europea, ás grandes fortunas e ás corporacións vailles mellor que nunca. E isto último é o fundamental para as clases dominantes. Terían que ver en perigo estes privilexios, polas mobilizacións, folgas e un cambio radical nas institucións representativas, para reconsiderar as políticas económicas e sociais. Polo tanto, a correlación de forzas é un aspecto central.
Da negociación fixéronse tres análises moi distintos. Os que pensan que Syriza saíu derrotada, e coa cabeza baixa. Outros que coidan que conseguiu afrouxar a corda, o que lle permitirá poñer en práctica medidas que atendan as situacións máis graves, e que no segundo tempo da negociación o Goberno acadará máis cesións. E aqueles que entenden que se trata só dun paso atrás táctico, dada a falta de liquidez do país, e que nos vindeiros meses a confrontación será máis dura e daquela Syriza terá armada unha alternativa en caso de ruptura, e que a propia dinámica do proceso daralle o arroupe da maioría social. Por exemplo, para a saída do euro. Claro que, se esta última fose a estratexia, non se entende tanto debate interno no partido, e que o Goberno non vote no Parlamento os acordos. En poucos meses teremos o desenlace, aínda que o percorrido apunta á primeira das hipóteses.

TSIPRAS E RAJOY, RAZÓNS E SOLUCIÓNS

Te puede interesar